Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
O Auditorio de Vimianzo acolle esta semana a residencia artística do espectáculo BLACK BOX. Unha saga familiar, unha proposta escénica creada por Hugo Torres en coprodución co Centro Dramático Galego e diversas entidades culturais de referencia.
Durante esta residencia, o equipo artístico traballará na investigación e desenvolvemento escénico dunha peza que afonda na identidade a través da memoria familiar, combinando relato oral, creación contemporánea e unha mirada poética sobre o pasado colectivo.
Como parte deste proceso aberto á comunidade, ofreceuse un pase aberto ao público, no que participou a Escola Municipal De Teatro adultos, xoves 7 de maio, no propio Auditorio de Vimianzo. Esta mostra permitirá ás persoas asistentes achegarse ao proceso creativo da obra e coñecer de primeira man o traballo en curso.
BLACK BOX. Unha saga familiar constrúe unha viaxe polas historias dos devanceiros do autor, mesturando realidade e ficción nun relato vivo, en constante transformación, que reivindica a tradición oral como ferramenta de memoria e celebración colectiva.
O proxecto conta coa dirección, texto e dramaturxia de Hugo Torres —xunto a Gabriel Calderón—, co deseño de espazo e vestiario de Marta Pazos, iluminación de Iván Núñez Casal e música orixinal do propio Torres.
Esta residencia forma parte do compromiso do Centro Dramático Galego e da compañía por achegar a creación escénica contemporánea ao territorio,fomentando o diálogo entre artistas e comunidade.
O Concello de Vimianzo agradece a elección do Auditorio de Vimianzo para odesenvolvemento desta residencia artística e reafirma a súa vontade de continuar consolidando este espazo como un referente para as residencias artísticas na Costa da Morte.