30-04-2026
2026 CAMUVI FORESTAL, novo obradoiro dual de emprego
Dende o Concello de Vimianzo, xunto cos concellos de Camariñas e Muxía, acadouse a concesión dun novo obradoiro de emprego, unha iniciativa que permitirá mellorar a cualificación profesional e favorecer a inserción laboral de persoas desempregadas dos tres municipios.
O proxecto de obradoiro dual de emprego denominado “2026 CAMUVI FORESTAL” contará con 20 alumnos/as traballadores/as e terá unha duración de 9 meses, distribuídos nas especialidades formativas de limpeza en espazos abertos e instalacións industriais, actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e montaxe de mobles e elementos de carpintaría.
O investimento global ascende a 501.552 euros.
Os tres concellos lograron a concesión deste novo obradoiro dual de emprego, que será xestionado polo Concello de Vimianzo, reafirmando o compromiso conxunto coa promoción do emprego e coa captación de recursos para o desenvolvemento do territorio.
Este programa, financiado a través dunha liña de subvencións públicas, combina formación teórica e práctica, ofrecendo ás persoas participantes a oportunidade de adquirir experiencia profesional real mentres desenvolven actuacións de interese xeral para a veciñanza.
Na xornada de onte participou a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, o tenente de alcaldesa de Camariñas, Sergio Caamaño, e o alcalde de Muxía, Javier Sar, xunto con concelleiras, concelleiros e persoal técnico dos tres concellos, co obxectivo de iniciar a planificación e os primeiros pasos administrativos do obradoiro.
O obradoiro permitirá formar un grupo de persoas participantes nun ámbito con demanda laboral, ao tempo que se executan traballos que redundan na mellora de espazos e servizos municipais.
Nos vindeiros días, o Concello de Vimianzo iniciará os trámites correspondentes, incluíndo o proceso de selección do alumnado-traballador e do equipo técnico, coa previsión de que a iniciativa poida comezar nas próximas semanas.
Dende os tres gobernos locais sublíñase o compromiso coa promoción de políticas activas de emprego e coa colaboración institucional como ferramenta para o desenvolvemento económico e social do territorio.