27-04-2026
Vimianzo celebra con éxito o XXII Xantar dos Nosos Maiores
O Concello de Vimianzo celebrou o sábado 25 de abril o XXII Xantar dos Nosos Maiores, unha cita xa consolidada que reuniu a 1.200 persoas nunha xornada marcada pola convivencia, o recoñecemento e a emoción.
O pavillón municipal, engalanado para a ocasión, acolleu un evento no que non faltaron a música, o encontro e as actividades ao longo de toda a xornada, grazas tamén ao traballo e implicación de 54 persoas voluntarias.
A xornada comezou coa recepción das persoas participantes a cargo do grupo de gaitas Trubisquiña, que puxo a nota musical nas primeiras horas e contribuíu a crear un ambiente festivo desde o inicio.
O acto contou coa presenza de diversas autoridades, que participaron na benvida institucional. A concelleira de Benestar, María José Pose e a alcaldesa de Vimianzo e deputada provincial, Mónica Rodríguez, foron as encargadas de abrir o acto, acompañadas polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.
O presidente da deputación, acompañou á alcaldesa, xunto cos membros da corporación municipal, o delegado do Goberno e o subdelegado do Goberno cos que compartiu mesa e mantel e conversou coas persoas asistentes, nun ambiente próximo e distendido.
O acto desenvolveuse no pavillón municipal, que acolleu unha ampla programación con misa, xantar popular, música e diferentes actividades ao longo da xornada.
Un dos momentos máis especiais foi o homenaxe ás persoas de maior idade asistentes. Nesta edición, as persoas recoñecidas foron:
- Señora máis maior: Elena Lema Esmoris.
- Señor máis maior: Alejandro Pérez Caamaño.
A festa rematou coa actuación de Javi Solla, poñendo o broche final a unha xornada chea de emoción e boa compañía.
O XXII Xantar dos Nosos Maiores reafírmase así como un dos eventos máis significativos do calendario social de Vimianzo, fortalecendo os lazos comunitarios e rendendo homenaxe a toda unha xeración fundamental para o municipio.