Do 11-06-2026 ao 11-06-2026
O Concello de Vimianzo celebrou hoxe unha rolda de prensa na Vivenda Comunitaria para dar conta do estado do proceso de contratación dos servizos municipais de vivenda comunitaria, comedor, lavandería sobre rodas e EscolaInfantil Municipal, así como da situación vivida nos últimos meses tras o abandono daempresa concesionaria anterior.
A alcaldesa estivo acompañada pola concelleira de Benestar Social, María José Pose, e pola traballadora social e técnica responsable do contrato, Sandra Abeijón.
Un proceso marcado pola complexidade e o rigor
A alcaldesa destacou que este proceso supuxo “semanas de enorme dificultade, tanto no plano profesional como persoal”, lembrando que o Concello, como administración pública,está obrigado a actuar con máxima rigorosidade, cumprimento legal e responsabilidade.
Subliñou que o obxectivo principal foi sempre dobre: garantir a continuidade dos servizos esenciais e protexer ás traballadoras.
O contrato: orixe, duración e avaliación
Desde a área de Benestar Social, Sandra Abeijón, responsable técnica do contrato, explicou que o contrato de xestión dos servizos foi formalizado en febreiro de 2005, cunha duración inicial de 16 anos, e coa posibilidade de prórroga ata un máximo de 20 anos, en función da calidade do servizo prestado.
En febreiro de 2021, elaborouse un informe técnico de avaliación da calidade, no que se concluíu que: Máis do 95 % dos indicadores superaban os 8 puntos,en moitos casos acadábanse valoracións superiores aos 9 puntos.
Estes resultados motivaron a xustificación da prórroga máxima de 4 anos, conforme aos criterios establecidos no contrato. ( 20 anos).
A concelleira de Benestar Social puxo en valor este traballo técnico:
“Estamos a falar dun proceso avalado por informes, enquisas feitas os/as usuarixs e as traballadoras dos servizos, así como controis continuos. A prórroga non foi arbitraria, senón baseada en datos obxectivos e transparentes”.
Actualización dos prezos
Indicouse tamén que os prezos dos servizos foron actualizados ao longo dos anos conforme ao IPC, pasando, por exemplo:
A vivenda comunitaria de 850 € no 2005 a 1.917,05 € mensuais na anualidade 2026.
O comedor sobre rodas de 6 € no 2005 a 11,66 € por menú (+2,24 € transporte)na anualidade 2026.
A lavandería sobre rodas de 3 € no 2005 a 4,74 € por lavado (+2,24 € transporte) na anualidade 2026.
A escola infantil de 250 € no 2005 a 552,60 € mensuais na anualidade 2026.
Subliñouse que estas actualizacións estiveron sempre xustificadas e que a empresa concesionaria en ningún momento acreditou a necesidade de revisión de prezos, o que evidencia a correcta xestión municipal.
Abandono dos servizos e resposta do Concello
O 18 de febreiro de 2026, o Concello recibiu comunicación do abandono dos servizos por parte da empresa concesionaria, afectando a 170 persoas usuarias e 33 traballadoras.
Ata ese momento, segundo explicou a alcaldesa, non existían argumentos legais suficientes para iniciar os trámites necesarios para a contratación dunha nova empresa que afrontara a xestión dos diversos servizos.
A partir dese momento, o Concello:
• Asumiu directamente os gastos de suministros necesarios para garantir o funcionamento dos servizos.
• Actuou para evitar a interrupción da atención ás persoas usuarias.
• Traballou para protexer os dereitos laborais e a continuidade das traballadoras.
A concelleira destacou que esta situación non foi consecuencia da inacción municipal, senón do:
“incumprimento, irresponsabilidade e abandono de servizos esenciais por parte da empresa saínte”.
Unha licitación complexa
A responsable municipal explicou a complexidade do proceso de contratación, ao tratarse de catro servizos distintos pero interdependentes, cunha infraestrutura común e múltiples variables.
Engadiu que a elaboración do estudo económico e dos pregos, encargados desde o mes de febreiro 2025, viuse dificultada pola:
• Falta da remisión completa da documentación por parte da empresa saínte.
• Información incompleta ou contradictoria.
• Necesidade de adaptar os datos á realidade actual dos servizos.
Novo contrato e normalización da situación
O primeiro proceso de licitación quedou deserto. Ao día seguinte, o Concello iniciou un novo procedemento, que foi finalmente adxudicado á empresa Galicia Vella, formalizándose o contrato o 8 de abril de 2026.
A alcaldesa destacou especialmente que:
• A nova empresa asumiu a situación con responsabilidade.
• O 17 de abril abonáronse todas as débedas ás traballadoras.
• A día de hoxe, a débeda das traballadoras está completamente saldada.
Defensa dos intereses municipais
O Concello anunciou que está a preparar accións legais para reclamar as responsabilidades derivadas da xestión da empresa anterior, co fin de defender os intereses da veciñanza.
Agradecementos
A rolda de prensa rematou cun agradecemento expreso da alcaldesa :
• Ao persoal municipal implicado, en especial a Sandra Abeijón.
• Á nova empresa pola súa resposta.
• E, de maneira especial, ás traballadoras dos servizos:
“Foron elas quen, nos momentos máis difíciles, garantiron con profesionalidade e humanidade a atención ás persoas maiores e á infancia”.
Compromiso co futuro
O Concello de Vimianzo reafirma o seu compromiso coa calidade, continuidade e mellora dos servizos públicos, asegurando que seguirá traballando con responsabilidade, transparencia e pensando sempre no benestar da veciñanza.