Do 11-06-2026 ao 11-06-2026
A Casa da Cultura de Vimianzo acolleu esta mañá a presentación oficial da segunda edición de “Alza Voz de Muller”, un foro de liderado feminino no rural que se celebrará os vindeiros 8 e 9 de maio, tras a boa acollida acadada na súa primeira edición.
O acto contou coa participación da deputada provincial da Deputación da Coruña, Rosa Ana García; da concelleira do Concello de Vimianzo, María José Pose; e da alcaldesa, Mónica Rodríguez, quen puxeron en valor a importancia de consolidar espazos que visibilicen, conecten e impulsen o talento feminino, especialmente no ámbito rural.
Durante a súa intervención, a alcaldesa destacou que “non estamos só presentando un evento, estamos reafirmando unha aposta”, incidindo na necesidade de “dar espazo, visibilidade e recoñecemento ao talento feminino que xa existe e está a transformar o mundo”.
Pola súa banda, a concelleira subliñou que o foro naceu “como unha necesidade de crear espazos seguros para as mulleres, onde poder compartir os desafíos reais que afrontan, pero tamén as oportunidades que poden construír colectivamente”.
Neste sentido, a deputada provincial puxo o foco na necesidade de seguir avanzando cara a unha maior presenza das mulleres nos espazos de decisión, destacando tanto os retos existentes como o potencial transformador do emprendemento feminino. Así, sinalou que, aínda que as mulleres están a asumir un papel cada vez máis relevante na sociedade, “queda moito camiño por percorrer” e é necesario “seguir loitando para liderar proxectos, estar á fronte de organizacións e fortalecer a economía local”.
Rosa Ana García incidiu tamén nas oportunidades que ofrece o rural para o emprendemento feminino, destacando a súa capacidade para contribuír ao desenvolvemento económico e social, á innovación, á sustentabilidade e á creación de emprego, así como ao avance na igualdade e á fixación de poboación. “As mulleres temos todo o que precisamos para liderar eses cambios e aproveitar as potencialidades que o rural ofrece, porque somos motor de cambio e unha oportunidade para os nosos pobos”, afirmou.
Un evento que medra e incorpora novidades
“Alza Voz de Muller” chega á súa segunda edición cun formato ampliado de día e medio de duración, no que se combinarán mesas redondas, relatorios e espazos de conexión entre participantes.
Como principal novidade, avanzou a alcaldesa Mónica García, este ano incorporaranse tres talleres experienciales, nos que as asistentes poderán traballar de maneira práctica aspectos vinculados ao seu desenvolvemento profesional e ao emprendemento, converténdose en parte activa do evento.
O programa contará coa participación de mulleres referentes a nivel nacional, como Gemma Fillol ou Nuria Varela, xunto con talento galego como Eva López Barrio e Rosa Arcos e da Costa da Morte, nun diálogo interxeracional e territorial que busca xerar aprendizaxe, inspiración e rede.
O rural como espazo de oportunidade e transformación
Un dos eixos centrais do encontro é a reivindicación do rural como lugar de oportunidade. Neste sentido, desde o Concello de Vimianzo destacouse que iniciativas como esta contribúen a romper coa idea de que os grandes eventos deben celebrarse unicamente en contornas urbanas.
“O rural non é periferia, o rural é potencia”, sinalou a alcaldesa, incidindo na responsabilidade das institucións de impulsar proxectos que xeren impacto, conexión e oportunidades no territorio .
Neste marco, o evento abordará tamén os desafíos estruturais que seguen a afectar ás mulleres no ámbito profesional, como as dificultades de conciliación, os teitos de cristal ou a falta de recoñecemento, ao tempo que se poñerá o foco nas oportunidades que o contexto rural ofrece para construír novos modelos de desenvolvemento máis sostibles e igualitarios.
Un espazo colectivo para compartir, aprender e avanzar
A primeira edición reuniu a máis de 150 mulleres, converténdose nun espazo de encontro onde compartir experiencias, reflexións e aprendizaxes. Nesta nova convocatoria, o obxectivo é seguir ampliando esa rede e profundizar nun modelo participativo.
“Alza Voz de Muller non é só un programa de contidos, é unha experiencia colectiva onde as mulleres poden recoñecerse, atopar referentes e saír con máis forza e conexión”, destacou a concelleira .
Inscricións abertas
As inscricións para participar no evento xa están dispoñibles a través da páxina web oficial: www.alzavozdemuller.com
Desde a organización fan un chamamento a todas as mulleres a participar nesta iniciativa, concibida como un espazo de encontro, reflexión e acción.
O evento consolídase así como unha das citas de referencia en Galicia arredor do liderado feminino e o desenvolvemento profesional das mulleres, cunha clara vocación de continuidade e impacto no territorio.