Do 04-05-2026 ao 11-06-2026
O Casa da Cultura de Vimianzo acolleu hoxe a presentación da xornada radiovisual interescolar de Ponte...nas Ondas!, que se celebrará o vindeiro 24 de abril e que terá como un dos seus escenarios principais o Auditorio de Vimianzo e o Auditorio de Caión ( A Laracha).
No acto déronse a coñecer os detalles dunha iniciativa que reunirá alumnado de distintos centros educativos da Costa da Morte e Bergantiños, que participará na creación e emisión de contidos radiofónicos centrados no patrimonio cultural inmaterial das súas contornas.
Durante a presentación destacouse o valor educativo e social deste proxecto, que promove o coñecemento, a transmisión e a posta en valor da cultura propia a través da comunicación e das novas tecnoloxías.
Así mesmo, púxose en relevancia o recoñecemento internacional acadado por Ponte...nas Ondas!, cuxo modelo foi seleccionado pola UNESCO como exemplo de boas prácticas no ámbito do patrimonio cultural inmaterial.
A xornada contará coa participación activa da comunidade educativa e incluirá tamén unha homenaxe á autora homenaxeada nas Letras Galegas, Begoña Caamaño, referente do xornalismo e da comunicación en Galicia.
A alcaldesa de Vimianzo destacou que “é un orgullo para o noso concello formar parte dunha iniciativa como Ponte...nas Ondas!, que sitúa á mocidade no centro da transmisión do noso patrimonio cultural. Apostar por proxectos como este é apostar polo futuro, pola identidade e pola forza da nosa comunidade. Vimianzo será, unha vez máis, un espazo de encontro, aprendizaxe e creación colectiva arredor do que nos fai únicos como pobo”.
O Concello de Vimianzo quere expresar o seu agradecemento á Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas Ondas! polo seu labor na posta en marcha desta iniciativa, así como ao Centro de Formación do Profesorado da Coruña pola súa colaboración e implicación no desenvolvemento da xornada, facendo posible unha proposta educativa e cultural de gran valor para o territorio.