Do 16-03-2026 ao 16-03-2026
“ONDE HABITAN AS MOURAS. CARTOGRAFÍAS DE NÓS”, da artista Viki Rivadulla, inaugúrase o venres 6 de marzo ás 20:00 horas na Sala de Exposicións Antón Mouzo, en Vimianzo, no marco das actividades organizadas polo Concello para conmemorar a efeméride do 8M, Día Internacional da Muller. A mostra poderá visitarse ata o 19 de abril.
Esta exposición constitúe un proxecto artístico e reflexivo arredor da natureza e da relación do ser humano coa mesma, entendendo ás persoas como un elemento máis do ecosistema. A proposta interpélanos directamente sobre como habitamos o mundo e que impacto teñen as nosas accións no medio que nos sostén.
A través dunha linguaxe simbólica e comprometida, Rivadulla afonda na necesidade de construír un mundo máis solidario e sostible, no que os coidados da natureza sexan prioritarios e avancemos cara a unha comunidade ecoloxicamente responsable. A artista sinala a urxencia de procurar alternativas fronte ao cambio climático e ao ecocidio, cuxas consecuencias xa son evidentes.
A mostra tamén pon o foco nas comunidades indíxenas e rurais, portadoras dun legado de coñecementos, coidados e loita na defensa dos territorios. Do mesmo xeito, reflexiona sobre o perigo que sofren as linguas minorizadas, lembrando que unha lingua é moito máis ca un vehículo de comunicación: é sostén dunha identidade, dunha maneira de entender e nomear o mundo.
Neste contexto, o papel das mulleres ocupa un lugar central. As mulleres —especialmente as que traballan e viven en conexión coa terra— aparecen como tecedoras de redes de coidado e como lideresas de movementos en defensa dos territorios, xeradoras de saberes fundamentais para a sustentabilidade da vida.
A figura simbólica da moura serve como eixo conceptual da exposición. As mouras, presentes na natureza salvaxe e no noso patrimonio inmaterial a través das lendas, funcionan aquí como metáfora das sabias gardiás da terra e do legado cultural. Así, a mostra non fala tanto das mouras en si, senón do lugar onde habitan: o territorio e a memoria colectiva que conforman a nosa identidade.
“ONDE HABITAN AS MOURAS. CARTOGRAFÍAS DE NÓS” dá continuidade á liña de investigación artística iniciada por Viki Rivadulla coa serie “Atlánticas. Mulleres do Nordés”, que xa se puido ver tamén nesta mesma sala de exposicións, consolidando así a presenza da artista en Vimianzo. Aquel proxecto afondaba na relación das mulleres do mar co seu medio e buscaba dar visibilidade ao seu labor e á súa identidade atlántica.
Horario de visita
De luns a venres: de 9:00 a 14:00 h e de 16:00 a 20:00 h
Sábados: de 9:00 a 14:00 h e de 20:00 a 22:00 h
Máis información:
www.vivkirivadulla.com
Facebook e Instagram: Viki Rivadulla
Contacto: 661 925 367 · vikirivadulla@gmail.com