25-11-2025
O alumnado de Vimianzo mobilízase polo 25N baixo o lema Abre os ollos
O alumnado de Vimianzo saíu hoxe á rúa con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres para amosar o seu compromiso na loita contra a violencia machista.
Durante a xornada, os escolares fixeron entrega aos establecementos adheridos á campaña municipal deste 25N dunhas caixas que no seu interior conteñen unha mensaxe que eles mesmos escribiron e unha pulseira. O obxectivo é repartir as caixas entre a clientela para que, así, as mensaxes cheguen á cidadanía.
Desta maneira preténdese xerar conciencia sobre a necesidade de non permanecer inmóbiles ante a violencia machista e reivindicar que esta pode manifestarse de moitas maneiras.
Baixo o lema 'Abre os ollos', a acción busca visibilizar esta problemática e reivindicar a importancia da educación e a implicación colectiva.