09-07-2012
Parabéns á organización do Asalto ao Castelo polo grande éxito acadado na 17ª edición
O Asalto ao Castelo estase consolidando como un festival de referenza en Galicia e mostra diso é a cantidade de xente que esta fin de semana se achegou a Vimianzo para participar na festa irmandiña.
A organización do evento, A.X. Cherinkas e A.X. Axvalso leva traballando durante varios meses para que todo estivese listo e non faltase detalle para que as activiades da fin de semana fosen un éxito. E conseguírono.
Os veciños e veciñas de Vimianzo puxeron todos os medios para que durante tres días a vila retornase ao s. XV e participaron activamente na festa. Catorce establecementos de hostalería participaron desde o xoves nos pinchos irmandiños, e o ambiente festivo podíase sentir na vila: Restaurante Pastoriza, Parrillada Montevideo, Cervecería Risco, Cervecería Quilmes, Grupo Xoven, Casa Sabina, Vía Rápida, Restaurante O Castillo, Pizzería Hilton, Café Bar A Rúa, Celme Café, Djalma e Café Bar O Agocho ofrecían deliciosos pinchos irmandiños nun ambiente propio do medievo.
O venres a chuvia impediu que a cea medieval se puidese celebrar no foso ao castelo e o evento tivo que trasladarse ao pavillón polideportivo, mais a organización conseguiu que o espazo se adeucase ao evento e non defraudar ás catrocentas persoas que participaron da cea, da festa e das actuacións teatrais.
O día central, o sábado, diferentes actividades para todos os públicos congregaron numeroso público durante todo día na praza do concello e no asaltiño para os máis pequenos. A medida que avanzaba a tarde máis xente ía chegando a Vimianzo para participar na festa. Os bares seguían repletos e os pinchos irmandiños non daban tregua nas cociñas. Grupos musicais animaban o ambiente mentres a xente non deixaba de chegar á zona de concertos: A Requinta da Laxeira encargouse de comezar a festa e Budiño continuou caldeando o ambiente ata a hora sinalada. Ás 12 da noite a música deixaba paso ao teatro, o ingrediente fundamental desta celebración, e nobres e irmandiños subían ao escenario para dirimir o futro do castelo. Logo da representación na zona de concertos a marabunta de xente dirixíase ao foso do castelo onde continuaba a loita polo poder, onde Alonso de Fonseca perdía a batalla e os irmandiños asltaron o castelo. Pero a festa non remataba aínda coa conquista do castelo xa que a música volvía coller o relevo. Impresionante actuación de La Pegatina que conectou á pefección co público que volvía ateigar o recinto e final do concerto co Sonoro Maxín.
O domingo despediuse a festa na praza do concello con actividades infantís, humor e música.
Co traballo dos organizadores e coa colaboración dos veciños e veciñas conseguiuse que a festa superase as espectativas creadas e que as inclemencias meteorolóxicas non impedisen que unha impresionante cantidade de xente participase do Asalto ao Castelo. A partir de agora toca empezar a traballar para o ano que vén, no que o Asalto cumprirá a maioría de idade.
PARABÉNS CHERINKAS E AXVALSO! PARABÉNS VIMIANZO!!