Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
Os concellos de Vimianzo e Laxe organizan de forma conxunta unha andaina que permitirá descubrir e poñer en valor un dos espazos máis singulares dos municipios: os Penedos de Pasarela e Traba, catalogados como paisaxe protexida e considerados unha auténtica xoia xeolóxica e paisaxística na contorna.
A actividade desenvolverase o domingo 11 de maio ao longo dun percorrido circular de aproximadamente 8 quilómetros, con saída e chegada á escola de Pasarela. Ao longo deste traxecto, as persoas participantes poderán contemplar auténticas obras de arte esculpidas de maneira natural polo paso do tempo. Entre as esculturas formadas polas forzas da natureza atópanse a Águia, o Cantor, o Coello e o Paiaso Triste, a Esfinxe ou a Osa.
As inscricións poderán realizarse ata o día 8 de maio a través da ligazón habilitada.Información relevante
Cada persoa participante deberá trasladarse ata o punto de partida polos seus propios medios. No caso das persoas menores de idade, deberán estar acompañados por unha persoa adulta e contar con autorización materna ou paterna.
Desde a organización fan fincapé na importancia de manter unha actitude responsable e respectuosa co medio ambiente. Está expresamente prohibido tirar lixo ou residuos á natureza, sendo cada persoa responsable de levalos consigo e depositalos no lugar axeitado cando sexa posible.
Recoméndase levar roupa cómoda e axeitada para a práctica deportiva e adaptada ás condicións climatolóxicas do día, incluíndo calzado de sendeirismo, protección solar ou paraugas no caso de ser necesario. Aconséllase tamén o uso de bastóns de sendeirismo para maior comodidade e levar unha mochila con comida e bebida para a ruta.
Con esta andaina os concellos de Vimianzo e Laxe buscan reafirmar o seu compromiso coa posta en valor deste espazo natural e coa promoción dun turismo sostible e respectuoso co medio.