Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
Máis de mil veciños e veciñas de Vimianzo gozarán este sábado, 26 de abril, da XXI edición do ‘Xantar dos Nosos Maiores’, unha iniciativa organizada polo Concello co obxectivo de fomentar a cohesión social entre as persoas de máis idade do municipio.
As portas do pavillón municipal abriranse ás 12:00 horas para recibilos. Este momento estará amenizado por Pasarela Big Band, que se encargará de poñer o toque municipal á súa entrada antes de dar paso á misa cantada, que está programada para as 12:30 horas. Nela participará a vimiancesa Irma Macías. A xornada continuará coa actuación da coral O Son do Val de Vimianzo.
Despois da intervención das autoridades dará comezo o gran xantar, que inclúe empanada, polbo, xarrete de tenreira con patacas, sobremesas, cafés e licores.
Xa pola tarde, a partir das 17:00 horas, poderán gozar das actuacións musicais de Irma Macías e Javi Solla. Arredor das 18:00 horas farase entrega dun obsequio ao señor e á señora máis maior do concello e, por último, ás 19:30 horas, terá lugar o gran sorteo de agasallos entre todos e todas as participantes.
Desde o Concello celebran a gran participación e a boa acollida que esta xornada ten ano tras ano entre a veciñanza e destacan a importancia “de promover este tipo de actividades, que permiten dinamizar a vida social dos nosos maiores”.