Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
Os concellos de Vimianzo e Laxe denuncian actos vandálicos contra varios sinais dos Penedos de Pasarela e Traba, un espazo natural protexido de alto valor xeolóxico e paisaxístico. Os sinais, que foron arrancados, rotos e tirados, serven para orientar aos visitantes nos sendeiros e indican as singulares formas dos penedos.
Cualifican estas accións como “premeditadas” e “algo profundamente triste para o noso territorio”. A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, resaltou a importancia de “coidar do noso para que os servizos públicos poidan ser de calidade” e engadiu que “este tipo de comportamentos danan o ben común e aféctannos a todos. Trátase de actos que atentan directamente contra o esforzo colectivo por preservar o noso patrimonio natural”.
Os Penedos de Pasarela e Traba constitúen un enclave único que “todos e todas debemos coidar”, manifestou a rexedora vimiancesa, que indicou que “por suposto, a nosa intención é seguir potenciando e coidando este espazo, por iso este tipo de actos doen profundamente”.
O alcalde de Laxe, Francisco Charlín, manifestou que se trata “de algo moi grave, que prexudica tanto aos nosos veciños e veciñas como a todos os visitantes que se achegan a descubrir este espazo”.
Ámbolos dous concellos fan un chamamento á colaboración cidadá “para tratar de esclarecer o sucedido. Calquera mínima información, por pequena poida parecer, pode ser de gran axuda”.