Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
O Concello de Vimianzo vén de sacar a licitación o proxecto de mellora do viario da Costa (Torelo), na parroquia de Salto, incluída no POS+2024 da Deputación da Coruña. Esta actuación ten o obxectivo de mellorar as infraestruturas viarias e optimizar os servizos na zona.
O proxecto contempla a renovación da capa de rodaxe nunha superficie de 1.490 metros cadrados mediante a aplicación de 6 centímetros de aglomerado en quente. De maneira previa, realizaranse os traballos de bacheo con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Do mesmo xeito, antes de proceder á pavimentación, contémplase tamén a limpeza das marxes e bordes do viario.
Para a recollida das augas residuais fecais do núcleo prevese unha preinstalación de rede coa canalización de 310 metros de tubaxe de PVC de 315 mm de diámetro. Esta infraestrutura incluirá 11 pozos de rexistro e 13 arquetas con tubaxe de PVC de 160 mm de diámetro.
Finalmente procederase ao pintado da correspondente sinalización horizontal da vía.
As ofertas poderán presentarse ata o vindeiro 27 de febreiro de 2025 ás 23:59 horas.
O concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez, sinalou a necesidade de seguir na mesma liña de actuación, “mellorando o noso rural e dándolle aos veciños e veciñas das diferentes parroquias de Vimianzo uns servizos de calidade”.