Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
O Concello de Vimianzo prevé renovar a pavimentación interior no núcleo da Esquipa, na parroquia de Cereixo. A actuación que se realizará, dadas as deficiencias que presenta a superficie de rodaxe, é a de pavimentar en aglomerado en quente. No centro do carril plantéxase unha rígola prefabricada de formigón, na que se incorporarán os imbornais, dotando á obra de recollida de pluviais mediante un colector soterrado, sistema do que carece actualmente. Onte, día 31 de xaneiro, comezou o prazo de presentación de ofertas, ata o 19 de febreiro de 2025.
Á súa vez, intervirase na zona da beirarrúa da estrada DP-9202, reparando de dita beirarrúa, así como a instalación dunha rede separativa de augas pluviais e fecais para substituír a rede única existente en dito treito no que se intervirá.
Estímase un prazo de execución das obras de cinco meses desde o comezo das mesmas e actuarase nunha superficie total de 1.970 metros cadrados. O orzamento base deste proxecto é de 188.183,02 euros.
O edil de Obras, Miguel Ángel Pérez, sinala que “esta intervención responde á liña de traballo do Concello de Vimianzo: a de mellorar as infraestruturas públicas en toda a rede municipal, unha das máis extensas de toda a provincia da Coruña. Dotaremos á Esquipa de servizos cos que no contaba ata agora e repercutirá positivamente no benestar da veciñanza, algo que é prioritario para nós”.