29-01-2025
O Concello seguirá implementando melloras nunha das vías de maior lonxitude de Vimianzo cun investimento de máis de 430.000 euros
O Concello de Vimianzo continúa o seu plan de acción de mellora de infraestruturas municipais coa incorporación de tres novas obras nunha das vías de maior lonxitude do municipio, con 17.300 metros en total. Trátase da que une Baíñas e A Piroga (Bamiro), de titularidade municipal e na que se investirán máis de 430.000 euros.
A Administración local plantexa a mellora da pavimentación en aglomerado do tramo que vai de Treos a Carnio, cunha lonxitude de 1700 metros aproximadamente e xa incluída no Plan Único da Deputación 2024 con valor de 189.088,77 euros. Nestes momentos está en proceso de licitación, ao igual que a mellora da pavimentación en aglomerado en Baíñas ata case o cruce do Sixto, tamén no Plan Único da Deputación da Coruña 2024 e cun proxecto valorado en 61.961,77 euros. As obras terán lugar en aproximadamente 600 metros desta vía.
Desde o Concello de Vimianzo, en relación a esta estrada, xa se traballa no anteproxecto da remodelación da ponte de Quitiande, en Serramo, unha infraestrutura que soporta semanalmente tráfico pesado e que supón unha importante conexión coa autovía da Costa da Morte para municipios como Mazaricos ou Dumbría.
Proposta en Pleno
O goberno local proporá en sesión plenaria a terceira destas intervencións, a mellora da pavimentación en aglomerado no treito que une CarnIo e Serramo, nunha lonxitude de 1900 metros e cun orzamento de 179.465,92 euros. Está incluída no Plan Único da Deputación 2025.