Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
A véspera de Reis encherá Vimianzo de música e emoción cun gran concerto da Orquestra Infantil da Sinfónica de Galicia. O evento terá lugar este domingo, 5 de xaneiro, ás 11:00 horas, no Auditorio da Casa da Cultura.
O público verase invadido pola emoción coa calidade e paixón que caracteriza a estes pequenos músicos, que serán os encargados de interpretar un repertorio cheo de encanto, ideal para celebrar estas datas tan especiais.
Trátase de novas promesas da música que transmiten o seu amor por esta arte en cada nota. Prometen un concerto cargado de sensibilidade, capaz de conmover a todas as persoas asistentes.
Visita dos Reis Magos
Ese mesmo día terá lugar a gran cabalgata de Reis, que irá polas 14 parroquias de Vimianzo nun percorrido que dará comezo ás 10:00 horas na residencia de maiores DomusVi.
Continuará na escola de Salto (10:30 horas), e seguirá pola de Bamiro (11:00 horas). As seguintes paradas serán Tines (11:30 horas), o aparcadoiro da Igrexa de Treos (12:00 horas), a praza de Serramo (12:30 horas), a praza do Outeiro de Baíñas (13:00 horas), a Igrexa de Castrelo (15:30 horas), a de Berdoias (16:00 horas), a praza de Carnés (16:30 horas), a praza da Igrexa de Cereixo (17:00 horas), a escola de Carantoña (17:30 horas), a de Pasarela en Calo (18:00 horas) e a Igrexa de Cambeda (18:30 horas).
O percorrido rematará arredor das 19:30 horas, cando as Súas Maxestades de Oriente irán polas rúas de Vimianzo lanzando os seus caramelos. Ás 20:00 horas terá lugar a recepción Real na Praza do Concello.