Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
Vimianzo presentou na mañá de hoxe, 4 de decembro, unha intensa axenda de actividades para vivir a maxia do Nadal na localidade. A programación esténdese desde o 5 de decembro ata o 5 de xaneiro de 2025. Está deseñada para todas as idades e inclúe cine, música, animación infantil, pista de xeo e, por suposto, a visita de Papá Noel e os Reis Magos.
O Ciclo de Cine Mestre Mateo inaugura as celebracións coa proxección de ‘Fatum’ este xoves, 5 de decembro, e continúa con ‘Salta!’, o día 6. Terán lugar no Auditorio ás 20:00 horas.
O día 7 de decembro é un dos días máis agardados do ano, no que Vimianzo dá por inauguradas estas datas tan especiais co seu gran acendido. Desde as 16:30 horas haberá unha gran festa infantil na Praza do Concello que ofrecerá actividades como pintacaras, inchábeis e animación. Ás 19:00 horas, terá lugar o acendido das luces e, de seguido, comezará o espectáculo ‘Legado de Tribu’ con hípica celta. Haberá tamén unha gran chocolatada e realizarase a apertura do recuncho gastronómico.
Papá Noel estará moi presente nas festas. O 11 e o 18 de decembro fará unha visita virtual antes de vir definitivamente e conectará por videoconferencia cos escolares do CEIP San Vicenzo e Baíñas na aula Cemit.
Continuando coas actividades, o venres 13 de decembro é outro dos máis destacados no calendario. Ás 17:00 horas comezará un taller infantil de cookies no Recuncho Gastronómico que continuará coa inauguración da pista de xeo natural. O día rematará coa Gala do Circuíto Correndo pola Costa da Morte ás 21:00 horas, na Casa da Cultura.
O sábado, día 14, a cultura dominará na Casa da Cultura, que acollerá, ás 19:00 horas a presentación do libro ‘Homes e mulleres de sal e ferro’, de Xesús Búa, e ás 20:00 horas a proxección de ‘A viaxe de Lucy’.
O domingo será a quenda da tradicional Gala Solidaria no Auditorio da Casa da Cultura. Comezará ás 17:00 horas.
O xoves 19 o alumnado da escola infantil Os Vimianziños e as persoas usuarias da Vivenda Comunitaria e a Residencia de maiores recibirán a visita de Papá Noel, que continuará a súa ruta o venres 20 nas escolas unitarias e no CEIP Baíñas e CEIP San Vicenzo.
Ese mesmo día, ás 19:00 horas, terá lugar a entrega de premio do concurso de postais de Nadal na Sala de Exposicións Antón Mouzo e ás 20:00 horas a proxección de ‘Chichi e máis eu’ no Auditorio.
O sábado 21 tamén estará repleto de actividade. Ás 10:30 horas será o acendido do Cepo de Nadal na lareira do Castelo. Ás 12:00 horas a entrega de premios do certame de Contos de nadal de La Voz de Galicia, na Casa da Cultura. A esta mesma hora, no auditorio, terá lugar o espectáculo Moc Moc ‘O axudante de Nadal’ para os máis pequenos e pequenas. O día concluirá ás 21:00 horas co concerto de Caamaño & Ameixeiras na Praza do Concello. Nesta mesma localización será o espectáculo do Mago Deime ao día seguinte, 22 de decembro, ás 18:00 horas.
O luns 23 volveremos recibir a visita anticipada de Papá Noel, que de 17:00 a 19:00 horas estará animando as rúas do concello. E o 24 de decembro, como non podía ser doutro xeito, tamén. De 11:00 a 13:00 horas haberá unha gran festa co Teatro Calavera na praza do Concello. Será a antesala perfecta da recepción oficial, que será ás 12:30 horas. Xa pola tarde, de 17:00 a 19:00 horas, haberá máis animación con el.
O venres, 27 de decembro, inaugúrase oficialmente a conta atrás para despedir o ano. Vimianzo farao coa presentación do libro ‘Promesas de outra vida’, de Lucy Fidalgo; coa proxección de ‘Os espazos en branco’ e co concerto de Nadal, con Irma Macías e Luís Pinto na praza do Concello. O sábado 28 de decembro será a quenda de Javier Sampedro e Suso de Quinito, co seu concerto ‘Coídos’.
O 29 de decembro a rapazada poderao pasar en grande na festa infantil de Nadal con Divirtt. A diversión continuará o último día do ano, martes 31 de decembro, con outra gran festa co Home Orquestra e cunhas badaladas un pouco anticipadas.
Xa en 2025, o día 3 de xaneiro, de 17:00 a 19:30 horas, a Casa da Cultura acollerá o musical infantil ‘Frozen – La reina del hielo’. A noite estará amenizada co concerto de Dúo de Festa na Praza do Concello. Ao día seguinte, serán as Broken Peach as que animen este lugar co seu concerto ‘Christmas Specials’.
O día 5 de xaneiro é para todos e todas un dos máis máxicos do ano. Ás 11:00 horas terá lugar o concerto de Reis da Orquestra Infantil da Sinfónica de Galicia na Casa da Cultura. Mentres tanto, desde as 10:00 horas ata as 20:00 horas, os Reis Magos percorrerán as 14 parroquias do municipio. A recepción real será ás 20:00 horas na Praza do Concello.
Cantos de Nadal
Do 16 ao 23 de decembro, como xa é tradición, terán lugar os Cantos de Nadal. Este ano será a Asociación A Trubisquiña quen percorra coa súa música cada unha das parroquias.
Concilia Nadal
A programación tamén inclúe o Vimianzo Concilia no Nadal, un servizo de conciliación de 10:00 a 14:00 h, entre o 23 de decembro e o 3 de xaneiro, para nenos de 3 a 12 anos. As inscricións poden realizarse ata o 18 de decembro na Casa da Cultura.
Para máis información sobre as actividades e inscricións, o Concello anima a consultar a súa páxina web ou contactar coa Casa da Cultura.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, sinalou que “para nós é moi importante ofrecer unha axenda de actividades que fomente a convivencia e o goce xeral destas datas. As actividades están deseñadas para vivir e gozar a maxia do Nadal en todo o seu esplendor, por iso animamos a todo o mundo a vir e vivilo connosco”.