Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
O Concello de Vimianzo celebrou o pasado venres unha reunión clave coas comisións e asociacións organizadoras de festas no municipio para planificar e avanzar nas axudas destinadas á súa realización en 2025.
O encontro, no que participaron a alcaldesa, Mónica Rodríguez, o concelleiro de Festexos, Sergio Miñones, e a técnica de Cultura, Nieves Lema, e un membro de servizos múltiples, xunto cos representantes das comisións e asociacións, centrouse na análise das actividades realizadas no transcurso do ano e nas bases das axudas de cara a 2025.
O Concello ofreceu e ofrecerá a estas entidades o seu apoio co obxectivo de manter a Vimianzo coma un referente nas festividades tradicionais e gastronómicas da comarca.
Na xuntanza anunciouse que todas as subvencións de 2024 xa foron xestionadas e pagadas tras completarse os expedientes administrativos. Do mesmo xeito, a alcaldesa deu a coñecer que o mércores, 27 de decembro, aprobaranse en pleno os orzamentos de 2025, nos que se propón un significativo aumento da partida destinada ás diferentes festividades do próximo ano. Un total de case 100.000 euros que serán distribuídos entre o Asalto ao Castelo, a Muiñada, as festas de Vimianzo, a Rapa, as festas das diversas parroquias e as festas de interese turístico.
Para o ano, 2025, afirmou o edil “as axudas serán concedidas con patrocinios para contratar exclusivamente música ou baile tradicional. Ademais, como xa se fixo este ano, tamén haberá unhas axudas específicas para a limpeza dos campos de festa no día posterior á celebración no caso de que a propia organización se faga cargo. Polo contrario, será o Concello quen se encargue de realizar eses labores”.
Pola súa parte, a alcaldesa fixo un agradecemento moi especial “a todas as comisións e asociacións, que con gran esforzo e traballo lograstes realizar en 2024 máis de 60 celebracións locais, situándonos como un punto de referencia para a comarca”. Por iso, completou, “quero agradecer profundamente o labor de todos e todas vós, que integrades as comisións, e tamén a todos os traballadores municipais e técnicos, cuxo labor é tamén fundamental”.
Con estas medidas, o Concello de Vimianzo reafirma o seu firme compromiso coa preservación das tradicións locais e o apoio ás comisións que fan posible a celebración de cada festa, contribuíndo ao arraigo cultural e social da comunidade.