Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
Máis de cincocentas palilleiras de diferentes puntos da xeografía galega farán soar os bolillos este sábado, 9 de novembro, na XVII Xuntanza da capital de Soneira.
A cita, organizada pola asociación As Nemanquiñas en colaboración co Concello de Vimianzo e a Deputación da Coruña, regresa este ano ao seu lugar habitual de celebración: o pavillón municipal.
O lugar estará aberto a todo o público de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas, estando programada a inauguración institucional para as 12:00 horas. Haberá unha pausa ás 13:30 horas para a habitual comida de confraternidade, que se celebrará no restaurante Santos.
Palilleiras de Viveiro, San Ciprián, Burela, Sarria, Lugo, Vigo, Cambados, Vilanova de Arousa, Tui, O Porriño, Ribeira Sacra, A Coruña, Boiro, Valga, Ferrol, Fene, Neda, Ames, Betanzos, Cambre, Paderne, Arteixo, Coirós, Noia, Porto do Son, Oleiros, Cariño, Valdoviño, Esmelle, Abegondo, Muxía, Camariñas e, por suposto, Vimianzo, achegaranse ata o municipio soneirán para promover a artesanía e o encaixe.
Unir os intereses de todas as participantes, exhibir os traballos que fan e, sobre todo, intercambiar experiencias, ideas e intereses entre elas son os principais obxectivos desta iniciativa.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, mostrou o orgullo de que esta cita se convertera “nun encontro de referencia para toda a comarca, que serve para que centos de palilleiras compartan experiencias, intereses e tamén, por suposto, o seu traballo” e un lugar no que “poñer en valor e exaltar a nosa artesanía”.