Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
O Auditorio de Vimianzo acollerá o vindeiro mércores, 13 de novembro, o espectáculo ‘Puños de harina’, da compañía andaluza El Aedo. A función, dirixida ao estudantado de secundaria do municipio, terá lugar ás 11:00 horas.
Trátase dun dos espectáculos escollidos polo Concello no marco da programación especial polo 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que se desenvolverá ao longo de todo o mes.
É unha proposta teatral que afonda en cuestións como a violencia, o racismo e as masculinidades. Nela crúzanse as historias de dúas personaxes relacionadas co mundo do boxeo e a cultura xitana: a historia real de Rukeli, o boxeador alemán e xitano que desafiou a Hitler na época da Alemaña nazi, e a historia de Saúl, un mozo xitano homosexual que vive na España rural dos anos 80 e procura a súa identidade, o que provoca a confrontación coa súa familia.
É a historia de moitos xitanos que loitaron, resistiron, morreron e sobreviviron ao Holocausto, pero tamén é a historia de como moitos homes se esforzan por encaixar no concepto ideal de ser “homes de verdade”, nun contexto que os rexeita pola súa etnia ou orientación sexual.
A compañía El Aedo colleitou numerosos premios con este espectáculo, como o Premio Teatro 2019 Autor Express da Fundación SGAE. Ademais, recentemente recibiu catro premios no Festival Nacional de Teatro Vegas Bajas á mellor montaxe, actor, dirección e premio especial do público.
Desde o Concello sinalan a importancia “de transmitir temas tan relevantes como a violencia e o racismo ás novas xeracións, por iso esperamos que a rapazada á que está dirixida desfrute e aprenda con esta obra”.