Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
Vimianzo estará presente, un ano máis, no Salón Internacional de Turismo Gastronómico, XANTAR, que se celebrará do 24 ao 27 de outubro en Ourense.
Este venres, día 25, será cando o municipio vimiancés teña participación neste evento. Ao longo de toda a xornada, no stand da Deputación da Coruña, farase unha exposición de produtos típicos.
Como prato forte, o cociñeiro local Fabián Mouzo será o encargado de comandar os dous showcooking deste ano.
Será ás 14:00 horas cando o chef elabore, por unha banda, os tradicionais callos de Carnés, prato típico da Faguía deste lugar e, pola outra, un pincho irmandiño, característico da festa do Asalto ao Castelo. Só ideado con ingredientes da Idade Media, nesta ocasión Mouzo deleitará aos asistentes con ‘Manciñas’, un petisco recheo de fazula de porco celta e boletus con salsa de Mencía.
Deste xeito, os visitantes terán a oportunidade de degustar manxares vinculados ás dúas festas de interese de Galicia do territorio.
Ademais desta exhibición, tamén participarán diferentes establecementos locais co obxectivo de darlle visibilidade aos seus produtos. Entre os que estarán expostos figuran algúns de primeira calidade, como Cárnicos Domínguez, Mel Perillán e a auga de mar Coído de Sabadelle.
Por outra banda, tamén se aproveitará esta experiencia para dar a coñecer a dúas artesás que están destacando polo seu grao de innovación e de compromiso coa sustentabilidade e co desenvolvemento rural: Ana Trasariz e Suidade.
Desde o Concello sinalan que é “todo un orgullo volver estar presentes en XANTAR, unha oportunidade única para dar a coñecer algúns dos produtos máis típicos do noso municipio” así como para “promocionar as nosas festas gastronómicas e outros atractivos turísticos cos que contamos”.