14-06-2012
O concello recibiu a visita dos escolares do Ceip San Vicenzo
Manuel Antelo agardaba onte pola mañá unha visita moi especial na Casa do Concello: os nenos e nenas de 3º e 4º curso do Ceip San Vicenzo, que querían coñecer de primeira man como é ese edificio que tan ben coñecen por fóra pero que poucas oportunidades teñen de coñecer as súas dependencias. Logo de aprender os coñecementos teóricos no colexio os nenos e nenas querían ver en primeira persoa como se traballa e quen traballa no concello de Vimianzo.
Manuel Antelo acompañou aos dous grupos, primeiro aos de 3º e despois aos de 4º, polo sdiferentes departamentos do concello, mentres lles explicaba o traballo que se realiza en cada un deles. Así os nenos e nenas coñecían o Rexistro, Servizos Sociais, Promoción Económica, Urbanismo, Servizos Económicos, Secretaría, e os máis desexados: a alcaldía e o Salón de Plenos. Precisamente nesta sala tivo lugar a parte máis divertida da visita coa realización dun pleno extraordinario. Os alumnos escolleron unha secretaria, un interventor e doce concelleiros para formar o pleno xunto co alcalde, os demais alumnos eran os veciños e veciñas que tiñan que escoitar pacientes sen poder manifestar a súa opinión, algo que non conseguían entender moi ben. Houbo aprobación dos puntos da orde do día e houbo mocións presentadas polos concelleiros e concelleiras. E houbo, sobre todo, vontade de ensinar e de aprender.