Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
Os Concellos de Laxe e Vimianzo solicitan unha reunión coa conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, para avaliar o Plan de Xestión da Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, aprobado no Consello da Xunta da última semana.
Presentaron a solicitude hoxe, 21 de outubro, tras reunirse a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, o alcalde de Laxe, Francisco Charlín, e o técnico de Deportes de Vimianzo, Víctor Santos.
O obxectivo da solicitude é que os rexedores poidan trasladarlle as dúbidas xurdidas a raíz da aprobación do Plan xa que, entenden, “hai asuntos determinados que non están suficientemente claros, o que fai que necesitemos unha aclaración para ver como proceder na súa aplicación”, aseguran.
Neste sentido, os primeiros edís de ambos concellos buscan respostas para saber como proceder na xestión deste enclave único.
Pola súa banda, Rodríguez asegura que “necesitamos esta reunión para que se nos responda a moitas dúbidas e poder comezar coa xestión. Trátase de cuestións relativas á programación, ao financiamento, autorizacións de futuro, homologacións e, sobre todo, ao mantemento... En xeral son cousiñas básicas para poder facer ben o noso labor”.
Seguindo esta liña, Charlín referiuse a este encontro como “básico” para coñecer “todos os detalles deste plan. É importante que teñamos toda a información para poder comezar a traballar e facelo o mellor posible”.