Do 30-10-2024 ao 30-10-2024
O Concello de Vimianzo aprobou na sesión plenaria ordinaria celebrada onte, 25 de setembro, a modificación das ordenanzas fiscais reguladoras do imposto sobre bens inmobles, do imposto sobre actividades económicas e do imposto sobre construcións, instalacións e obras para adherirse, así, á iniciativa ‘Concellos emprendedores’.
O obxectivo é favorecer a implantación e o funcionamento das iniciativas empresariais, con plenas garantías de sustentabilidade económica e con redución das barreiras normativas e administrativas, así como fomentar a fixación de empresas.
En base a esta medida, o Concello comprométese a seguir apoiando o emprendemento e a proporcionarlle ás empresas e ás persoas emprendedoras máis incentivos fiscais, máis simplificación administrativa e máis facilidades de acceso a solo industrial.
Bonificacións do ICIO
Mantendo a aposta por favorecer a creación de emprego e a fixación de empresas, aprobouse tamén a aplicación da bonificación do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) en dous proxectos de interese industrial.
Beneficiaranse desta bonificación a unha Comunidade de Montes Veciñais para a construción dun peche perimetral do monte comunal situado no lugar de Montecelos, parroquia de Carnés; e unha gandaría para realizar as obras de construción de silos forraxeiros-trincheira na parroquia de Bamiro.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, destacou que “o pleno de hoxe é mostra do noso compromiso coa creación de emprego en Vimianzo. Converternos en Concello emprendedor terá múltiples beneficios para o noso municipio e contribuirá de maneira significativa a que continúe crecendo e avanzando, fomentando, así, a fixación de empresas no noso termo municipal”.