Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
O Concello de Vimianzo presentou esta tarde unha completa programación para os sábados e domingos dos meses de outubro a decembro de 2024. O Auditorio vimiancés acollerá un total de 10 espectáculos de diferentes artes escénicas, entre as que se inclúen teatro, música e danza de recoñecidas compañías.
A programación está cofinanciada pola Deputación da Coruña, a Rede Galega de Teatros e Auditorios AGADIC da Xunta de Galicia, Galicia Escena Norte e o Ministerio de Agricultura.
A tempada arrincará o sábado 5 de outubro coa estrea do espectáculo ‘As formas do amor’, da compañía Verdeverás Expresións Artísticas, que dará comezo estes días a súa residencia artística e técnica. Ademais, o alumnado do IES Terra de Soneira gozará dunha preestrea na mañá do venres anterior, día 4 de outubro.
Trátase dunha obra que reflexiona sobre a construción do mito do amor de parella e revisa a influencia das relacións cotiás.
O sábado seguinte, día 12, terá lugar a representación de ‘El nadador de aguas abiertas’, da recoñecida compañía K Producciones, que ten sede en Bilbao e chega a Vimianzo froito do proxecto Camiño Escena Norte.
Nesta ocasión, os espectadores gozarán dunha historia de superación na que a través dun relato cautivador podemos observar dúas vidas fortuitamente enredadas polo mar, que exerce de salvavidas.
O domingo 27 será a quenda de Elefante Elegante, que deleitará ao público infantil co seu espectáculo ‘Kyoki’, no que tratan o esquecemento, a vellez e a soidade. A través dunha linguaxe xestual fundamentada na manipulación de obxectos e na interacción constante co dispositivo escénico, a escena crea un universo cómico e poético que viaxe do realismo á hipérbole cotiá.
Novembro empeza cun dos pratos fortes desta tempada, xa que o sábado, día 2, o Auditorio acollerá a produción ‘Iribarne’, da compañía Butacazero, unha compañía referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego.
Nesta coprodución co Centro Dramático Nacional e a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, búscase resolver a gran cuestión de como chegamos até aquí da man dun político que non tiña filtro cando de dicir verdades se trataba.
O 9 de novembro a compañía Fran Siera Danza presenta ‘Ceibe’, unha peza coreográfica cun elenco de oito bailadores dirixidas por el mesmo e acompañado na codirección polo bailarín Sergio R. Suárez.
Nesta peza afóndase na relación entre o xénero e a nosa tradición, nas súas formas de operar e deixando oco, por suposto, ao baile tradicional galego.
Só un día despois, o domingo 10 de novembro, o corcubionés Borja Insua traerá a Vimianzo o seu espectáculo familiar ‘Desconexión’, da súa compañía Títeres Alakrán. Trátase dunha distopía que aborda a dependencia de estar conectados sobre a que se constrúe, neste tempo, a nosa vida. Nela ponse en manifesto a necesidade de conectar co real, co entorno, co humano e cos sentidos que van máis aló das experiencias visuais e auditivas.
Na tarde do 16 de novembro o Auditorio vestirase de gala para acoller o Ciclo Nacional de Cine e Mulleres Rurais, financiado polo Ministerio de Agricultura. Coa proxección de ‘SICA’ búscase facer unha viaxe polas profundidades da Costa da Morte. Ao remate da proxección haberá un encontro coloquio cunha das protagonistas, a vimiancesa María Villaverde.
O domingo 24 de novembro Discovery Producciones presenta o musical ‘O mundo dos bonecos’, con cancións de cantaxogos e diferentes personaxes de Disney.
O mes de novembro despídese o sábado 30 coa compañía Malasombra e o seu espectáculo ‘SÓS’, unha reflexión sobre a vellez, a convivencia e a soidade que sofren moitas persoas maiores nos seus últimos anos de vida.
A programación finaliza o domingo 13 de decembro co ‘Musical dos 80 e 90’.
Compra de entradas
As entradas poden adquirirse de maneira anticipada a través da plataforma Woutick.es ou de maneira presencial na Casa da Cultura, de luns a venres, en horario de 9:00 a 13:00 horas. Tamén estará habilitada o despacho de billetes o propio día do espectáculo, desde unha hora antes do seu inicio.
O prezo de cada un dos espectáculos, que oscila entre os 5 e os 16,50 euros, pode consultarse no cartel da programación. O prezo reducido está pensado para maiores de 65 anos e estudantado, sempre e cando o acrediten mediante DNI ou o carné de estudante.
A concelleira de Cultura, Rosa Blanco, asegurou de que “é todo un orgullo poder presentar unha programación deste calibre, que ofrece á veciñanza un espectáculo cada fin de semana”. Unha proposta variada, de calidade e para todos os gustos “queremos que todos os nosos veciños e veciñas poidan achegarse ata o Auditorio e gozar da cultura”.