Concello de Vimianzo
16 de outubro de 2024
O corazón da Terra de Soneira

Novas

19-09-2024

Vimianzo recibirá nun mes a IX edición da súa Muiñada

Vimianzo recibirá nun mes a IX edición da súa Muiñada

Vimianzo celebrará a IX edición da súa Muiñada os vindeiros 19 e 19 de outubro. Esta mañá presentábase o cartel oficial deste evento, no Muíño da Gándara, por parte da alcaldesa, Mónica Rodríguez; a concelleira de Cultura, Rosa Blanco; María José Pose, concelleira de Benestar Social do Concello de Vimianzo; Manuel Rial, da AC Cherinkas, organizadores do evento; Sonia Amigo, Begoña Lema, Miguel Castro e Pablo Castro, da AC Trubiquiña; e Hadrián García, Bieito Pereira e Xabi Gómez, das bandas De Ninghures Unto Vello.

Nesta edición, a Muiñada alongarase unha noite máis, a da véspera. Cantos de taberna, ruta de sendeirismo teatral, foliada, concertos, gastronomía tradicional, xogos, o afamado campionato de debullada de millo, espectáculo para público familiar e unha panillada completan o intenso programa que se vivirá nos muíños do Val de Vimianzo. 

Unha novidade deste ano son os Cantos de taberna a partir das 21:00 horas do venres 18 de outubro. A música ambientará as rúas e bares da vila creando ambiente antes do día grande da Muiñada. “Como di a canción, unha noite non é nada, por iso quixemos que o espírito da Muiñada envolva Vimianzo tamén na véspera para que se traslade a festa máis aló dos muíños” explicou Manuel Rial, da AC Cherinkas. 

Nesta edición recupérase a Ruta teatral por Sanfíns e os muíños de Cambeda, que non puido celebrarse o ano pasado polo mal tempo. Un percorrido duns 4 quilómetros pola magnífica paraxe chea de fervenzas, durante a que irán saíndo ao paso do visitante personaxes de época. Este ano contará cun percorrido renovado, incluíndo tamén a interesante aldea de Sanfíns onde se conservan singulares elementos de valor etnográfico como o seu carballo milagreiro. Será conducida por David Roget e interpretada por mozas e mozos de Vimianzo. Hai prazas limitadas, polo que é obrigatorio inscribirse en cherinkas.org.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, quixo agradecer “o intenso traballo da Asociación Cultural Cherinkas por facer posible durante xa nove anos a Muiñada de Vimianzo, unha antropofesta moi nosa, e sen lugar a dúbidas, moi especial. Tamén a todos os axentes implicados nesta programación, as bandas, persoal de produción e por suposto ao público que nos acompañará”. 

Rodríguez quixo lembrar tamén a implicación “da Deputación da Coruña, a través da área de Cultura, por ter en conta a reivindicación dos muíños como lugares singulares da sociedade galega”.

 
Os muíños, os protagonistas

Ao mediodía, a festa trasládase ao Muíño da Gándara, onde se celebra a sesión vermú nunha contorna de gran beleza paisaxística. Dende o Morrazo, Lina e Lola poñerán ritmo coas súas voces e percusión aos grolos e “petiscos do muíño”, a partir das 13h30. 

Despois de xantar xa toda a actividade se centra no Muíño da Agra, onde haberá dous palcos diferenciados, o do Tarabelo, onde se concentra a actividade da tarde e serán, e o da Maquía, a noite de concertos, para a que é preciso adquirir entrada.
 

Tarde de millo 

Unha panillada abre a tarde do sábado, coa AC Nemanquiñas de Vimianzo, en lembranza das xuntanzas de palilleiras que eran o verdadeiro motor da música e do baile na Terra de Soneira. Nestas xuntanzas ao tempo que se traballaba no encaixe, sacábanse as pandeiretas e moceábase. 

En paralelo, a partir das 17:00 horas comeza o espectáculo para público familiar “Unha noite no muíño” de Caxoto. O espectáculo do artista da “Trastenda dos Contos” trata precisamente das celebracións que se realizaban despois dos traballos no campo, ou na casa, onde nacían os cantares e bailes. 

Unha tarde na leira do millo servirá para revivir desde as xeracións máis novas ás de máis idade os traballos relacionados co millo. Haberá un campionato de debullada de millo. 

A música xa non se deterá a partir das 19:00 horas, coa “previa”, o primeiro concerto da tarde da man de Unto Vello, no Palco do Tarabelo. O dúo formado por Xabi Gómez e Bieito Pereira traerá músicas de Galicia e outras tradicións nun dos seus primeiros concertos como grupo. 

A clásica Foliada reunirá agrupacións de toda a comarca durante dúas horas de música tradicional á beira do Muíño da Agra. Durante a foliada prepararanse filloas á pedra e servirase a Cea tradicional, tamén con opción vegana, onde a fariña non podía faltar como ingrediente principal.

Ás 22:00 horas a festa trasládase ao Palco da Maquía, con entrada de pago, para asistir á noite de concertos. Será unha oportunidade para descubrir a música das portuguesas Crua, especializadas no toque do adufe, pandeiros que combinarán con outras percusións e coas súas voces con música galega e do país irmán. 

Ailá volve á Muiñada, pero cun novo disco que desfrutar. Fecha a noite o grupo De ninghures, que está arrasando nos diferentes festivais cos seus ritmos e sons de raíz galegos e doutros pobos ibéricos e mesmo de Latinoamérica. 
Precisamente, esta mañá houbo representación de varios dos grupos que tocarán na novena edición da Muiñada, con Hadrián García de De ninghures e Bieito Pereira e Xabi Gómez de Unto Vello, quen fixeron referencia ao pracer de poder tocar nunha festa que xa é referente na música tradicional en Galicia. 

As entradas para a Sesión Vermú e a noite de concertos no Palco da Maquía xa están á venda en woutick.es.

NA IMAXE DE GRUPO, DE ESQUERDA A DEREITA: Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo; Nieves Lema, Begoña Lema, de AC Trubisquiña; Bieito Pereira e Xabi Gómez, de Unto Vello; Hadrián García, de De Ninghures; Rosa Blanco, concelleira de Cultura do Concello de Vimianzo; Sonia Amigo, de AC Trubisquiña; María José Pose, concelleira de Benestar Social do Concello de Vimianzo; Pablo Castro, de AC Trubisquiña; Manuel Rial, de AC Cherinkas e Miguel Castro, de AC Trubisquiña.

Cita previa
Sede Electrónica
Pagos en liña
Directorio Empresarial
Escoitámoste
Liña directa co alcalde
Axenda
- 2024 +
- outubro +
L
M
M
X
V
S
D
 
1
2
3
4
5
6
7
8
13
14
15
16
17
19
20
21
24
25
26
27
28
29
30
31
 
 
 

Perfil de contratante
Boletíns
Museo Virtual SEA- Suelo Empresarial del Atlántico GDR Costa da Morte Grupos de Acción Costeira
COOKIES
Este sitio utiliza cookies para proporcionar os nosos servizos e realizar análisis de uso e de medición de nosa web. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou ben coñecer como cambiar a configuración do seu navegador, pulsando na nosa Política de Cookies | ACEPTAR X