Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
O Concello volve incrementar a partida das axudas para o comezo escolar, chegando aos 35.000 euros para o curso 2024-2025. Trátase dunha partida superior á de anos anteriores que ten o obxectivo de facer efectivo o principio de igualdade no exercicio do dereito á educación e compensar a aquelas familias que, polas súas condicións económicas, teñen máis dificultades para afrontar os gastos derivados do inicio do curso escolar.
Están dirixidas ao alumnado de segundo ciclo de educación infantil, educación primaria, secundaria obrigatoria, bacharelato e ciclos formativos de grao medio e superior, que estea empadroado no Concello de Vimianzo, curse estudos en centros públicos e pertenza a familias desfavorecidas economicamente.
O prazo para presentar as solicitudes estará aberto desde hoxe, 31 de agosto, ata o vindeiro 30 de setembro. Poderá facerse de maneira presencial no Rexistro Xeral do Concello, de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas, ou de maneira telemática a través da sede electrónica.
A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, asegurou que se trata dunha liña de axudas “básica e esencial, xa que permite que moitas familias do noso municipio poidan facer fronte ao inicio do curso escolar” e, completou, “para nós é unha prioridade, por iso intentamos sempre incrementar esta partida tan necesaria para que o alumnado vimiancés poida ter as mesmas oportunidades de estudo”.