Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
O Castelo de Vimianzo acolleu hoxe, 29 de agosto, a presentación do libro e exposición ‘Mar de Ardora, mar de Galicia’, da fotoxornalista Ana García.
Xunto coa autora e o investigador do Instituto Español de Oceanografía (CESIC), Francisco Rodríguez, estiveron a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, o Director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o director de Ludica Libros, Alfonso Freire.
A obra recompila máis de 60 imaxes nas que se pode apreciar o fenómeno máxico que crea a bioluminiscencia mariña. Ademais, o volume literario inclúe diferentes aportacións desde o punto de vista turístico, científico e marítimo. Deste xeito, as imaxes complétanse cunha completa e intensa investigación sobre este fenómeno.
Ana García, fotoxornalista que leva máis de 25 anos traballando na Costa da Morte e coñece á perfección a zona, expón neste volume todos os segredos que rodean o Mar de Ardora e a maxia que o envolve.
Trátase dun feito natural que non entende de presa e atrapa aos centos de persoas que, cada ano, chegan ata os diferentes municipios da contorna para observalo. Algo que, como definiu a alcaldesa, Mónica Rodríguez, “crea momentos únicos e especiais, iluminando a praia e espertando a atención e admiración da xente”.
A rexedora quixo agradecer o traballo, esforzo e colaboración de todos os presentes e manifestou que é “unha honra e un auténtico pracer contar no noso Castelo cunha exposición que mostra á perfección a beleza da nosa terra e que nos convida a apreciar a maxia dos pequenos momentos e a valorar as marabillas coas que nos agasalla a natureza”.