Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
O Concello de Vimianzo deu por rematadas esta semana as obras de mellora do núcleo de Colúns, na parroquia de Treos.
A actuación contou cun orzamento de 108.700 euros e incluíu a pavimentación de toda a zona e do seu acceso, así como a canalización de pluviais e o saneamento do lugar.
Pavimentouse con 5 centímetros de aglomerado en quente toda a superficie do núcleo e o acceso, previo bacheo con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Ademais, efectuouse unha cuneta transitable con 20 centímetros de zahorra e 15 de formigón.
En canto á canalización de pluviais, componse de tubo de PP carrugado de 400 mm de diámetro, pozos de rexistro, arquetas de sumidoiro e arquetas para as baixantes. A de saneamento componse de tubo de PVC de 315 mm de diámetro, pozos de rexistro e arquetas de saneamento.
Para completar as obras, procedeuse á apertura de gabias e á limpeza de salvagabias co obxectivo de garantir o correcto drenaxe. Por último, procedeuse á sinalización horizontal e vertical correspondente.
O concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez, destacou que se trata “dunha obra moi importante para o núcleo de Colúns, xa que supón unha mellora na vía que favorece os desprazamentos, tanto para turismos como para outros vehículos máis pesados. Ademais, ao mellorar o acceso, favorécense as conexións entre os diferentes lugares do noso municipio”.
O edil asegurou que esta é “unha actuación máis que sumamos ao noso rural, no que, por suposto, seguiremos traballando nos vindeiros meses para mellorar as súas infraestruturas e, así, favorecer a calidade de vida da nosa veciñanza”. Unha medida que, en definitiva, permite “seguir avanzando para conseguir un municipio máis accesible e seguro para todos e todas”.