Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
A rapazada de Vimianzo poderá buscar, coas súas propias mans, a tan ansiada e necesaria fórmula da igualdade. Farao a través de diferentes experimentos nos que poderá mesturar distintas emocións e condutas imprescindibles para construír un mundo moito máis igualitario.
Os obradoiros realizaranse os días 2, 3, 4, 5 e 6 de xullo na Praza do Concello, en horario de 17:00 a 21:00 horas, co obxectivo de sensibilizar e concienciar á rapazada en favor da igualdade de xénero.Deste xeito, a través destas actividades búscase traballar a educación en igualdade con crianzas e familias no marco da celebración do Asalto ao Castelo. Para iso, procedeuse á instalación dunha caseta que, ademais, servirá como punto informativo para calquera persoa que demande información.
Esta iniciativa, financiada con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, traballa con todos os ingredientes necesarios para lograr alcanzar a igualdade: xustiza de xénero, solidariedade, empatía, diversidade, respecto, comunicación, autoestima, tolerancia, coidados, amor, liberdade e responsabilidade.
“Trátase de valores fundamentais e que debemos empregar no noso día a día para construír unha sociedade mellor para todas as persoas”, destacou a concelleira de Benestar Social, María José Pose, que destacou a necesidade de achegar estes valores “ás idades máis temperás para lograr mellorar a sociedade desde a base, os nosos pequenos e pequenas, que son, ao fin e ao cabo, o futuro”.
Experimentos máxicos
Para lograr alcanzar a igualdade, as crianzas deberán realizar unha serie de experimentos con diversos materiais. En todos eles traballan os valores anteriormente mencionados dunha maneira do máis orixinal e divertida.
Cada día os pequenos e pequenas serán os encargados de tirar a man tola, que será a encargada de decidir que experimentos se van realizar en cada xornada. Unha vez finalizado, as persoas participantes reuniranse en torno ao pote e cada un introducirá un pouco do produto obtido. Xuntos e xuntas deberán recitar o conxuro ao unísono.