Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
Con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+, mañá, 28 de xuño, o Concello de Vimianzo organiza a ‘Festa da diversidade’, unha iniciativa que defende o dereito á plena igualdade, á dignidade, e ao libre desenvolvemento da identidade sexual e/ou de xénero.
O evento terá lugar na praza do Concello entre as 17:00 e as 19:00 horas e realizaranse actividades como obradoiros de bandeirolas, pintacaras con motivos do arco da vella, a creación un mural sobre a igualdade, ou xogos de integración.
Como colofón final, celebrarase a ‘Holi Colour Party’, na que a cor inundará a praza do Concello, simbolizando esa liberdade e diversidade sexual, ademais de representar a defensa dos dereitos do colectivo LGTBIQ+.
Actos coma este son importantes para construír sociedades máis tolerantes, que convivan na diversidade e promovan o cumprimento dos dereitos vulnerados destes colectivos. Se ben é certo que houbo avances nos últimos anos, é preciso seguir promovendo políticas que aseguren a igualdade efectiva de todas as persoas LGTBIQ+ e continuar denunciando calquera tipo de actitude homófoba ou que conculque os dereitos deste colectivo.
A concelleira de Igualdade, Benestar Social, Sanidade e Atención Cidadá, María José Pose, reitera o “compromiso do Concello de Vimianzo en continuar promovendo actos e políticas que xeren conciencia social sobre esta cuestión, co obxectivo de erradicar da sociedade calquera actitude LGTBIQfóbica”. Ademais, anima á veciñanza a participar nun evento no que se conxugará a reivindicación cun ambiente distendido e festivo.