Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
Os pequenos e pequenas serán os grandes protagonistas da II Tarde-Noite Infantil Meiga, que se celebrará o vindeiro 4 de xullo, de 17:00 a 22:00 horas, no foso do Castelo de Vimianzo.
O programa, que servirá de antesala á celebración do Asalto o 5 e 6 de xullo, conta con diversas propostas artísticas que achegarán ás crianzas de entre 6 e 12 anos á revolta Irmandiña. Esconxuro da limoada, pasarela de moda guerreira, o baile da revolución e outras dinámicas e xogos con temática irmandiña son algunhas das accións que levará a cabo a cativada, que deberá ir caracterizada para participar, para vencer a súa particular batalla fronte ao mal.
Para poder participar nesta actividade será preciso inscribirse previamente na Casa da Cultura. Poderase facer no período comprendido entre o venres 21 de xuño e o luns 1 de xullo e a actividade ten un custo de 5 euros por persoa.
Esta iniciativa ponse en marcha por segundo ano consecutivo co obxectivo de achegar a historia irmandiña aos máis pequenos e pequenas, nunha aposta que enlaza con outras actividades xa consolidadas como o Asaltiño.