Concello de Vimianzo
25 de novembro de 2024
O corazón da Terra de Soneira

Novas

23-05-2024

Presentada en sociedade a XXVII edición do Asalto ao Castelo de Vimianzo

O Castelo de Vimianzo acolleu esta mañá a presentación de todos os detalles da programación dun dos eventos máis agardados do ano: o Asalto ao Castelo. Declarada Festa de Interese Turístico de Galicia polo Consello da Xunta de Galicia, a celebración combinará, os días 5 e 6 de xullo, gastronomía, teatro, espectáculos e moita música, contando con artistas recoñecidos en todo o panorama nacional.

No acto estiveron presentes a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez; as concelleiras Beatriz Pazos e Rosa Blanco; o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira; o portavoz da organización do Asalto, Manuel Rial; Marta Miñones, da Asociación AXVALSO e Ana Caamaño, en representación do sector hostaleiro.

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, non só recalcou a importancia desta festividade no presente na que “tanto veciños e veciñas viven momentos inesquecibles”, senón que tamén puxo sobre a mesa a necesidade de seguir traballando e loitando por un evento “que pasará ás vindeiras xeracións para manter vivo o lume irmandiño”.

A rexedora aproveitou a ocasión para agradecer a implicación das organizacións colaboradoras “son meses de intenso traballo, no que moitas persoas poñen todo o seu empeño en que este ano poidamos celebrar a que é xa a vixésimo sétima edición do Asalto”.

Pola súa parte, o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, salientou “o interese turístico dun evento que se consolidou como un punto de referencia para toda a Costa da Morte”.

Marta Miñones, da Asociación AXVALSO, destacou que “hai 24 anos soñaba con que Manu Chao estivera no Asalto, e na que é a 27ª edición podemos presumir de que o logramos” e animou “ás novas xeracións a empaparse da maxia do Asalto e participar nel”.

Pola súa parte, Ana Caamaño, en representación do sector hostaleiro, puxo en valor “unha festa que é parte de nós” e animou á veciñanza “a probar os Pinchos Irmandiños ao longo dunha semana na que Vimianzo volve atrás no tempo”.

Por último, o portavoz da organización do Asalto, Manuel Rial, lembrou a todas as persoas que traballan durante moitos meses de xeito desinteresado, “nunha festa feita por e para a veciñanza”, conseguindo traer un cartel musical “á altura de grandes festivais” desde unha organización sen ánimo de lucro.

Manu Chao en acústico: o prato forte desta edición

A celebración chega á súa vixésimo sétima edición coa ilusión de sumar, por fin, ao seu historial de artistas ao internacional Manu Chao en formato acústico.

Mondra e Monolious DOP serán os encargados de asaltar o Castelo na primeira xornada, o venres 5 de xullo. Xa no día grande, o sábado, día 6, será a quenda de Manu Chao acústico, Boikot, Süne e Festicultores.

Nesta mesma xornada collerá especial protagonismo, ademais, a praza do Concello, cunha sesión vermú especial na que actuarán Coídos (cos vimianceses Javi Sampedro e Suso de Quinito) e o histórico grupo A Quenlla, que conta cun álbum dedicado á guerra irmandiña. Xa pola tarde, no Des-concerto, subirán ao palco as Flow do Toxo.

A programación do Asalto esténdese semanas antes, con diversas actividades dirixidas a todos os públicos e que buscan transmitir o espírito irmandiño a toda a sociedade.

Nunha colaboración especial co Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo, a Casa da Cultura acollerá unha exposición sobre Arqueoloxía Dixital Galega e a posibilidade de probar videoxogos clásicos en galego na Casa da Cultura, mediante cita previa. Poderase facer a partir do luns 17 de xuño ata o día da festa, data na que os videoxogos se levarán á praza do Concello.

Legua Irmandiña

Outra das citas principais é a Legua Irmandiña, que este ano celebra a súa oitava edición o 29 de xuño. Está organizada pola AC Cherinkas, o club Terra de Soneira e o Concello. As inscricións xa están abertas a través de cronotec.es

Pinchos Irmandiños

A previa ao Asalto non se entende sen os Pinchos Irmandiños, organizados polo sector hostaleiro vimiancés. Este ano chegan á súa 15ª edición e neles pódese gozar duns petiscos cuxos ingredientes non poden ser posteriores ao descubrimento de América.

Do 2 ao 6 de xullo poderase facer a ruta dos 14 locais participantes, algúns de localidades veciñas. O pincho irmandiño máis consumición custa 3,5 euros e só o pincho 3 euros. Quen complete a ruta enteira recibirá unha camiseta irmandiña de regalo e participará nun sorteo de produtos de Estrella Galicia, un dos patrocinadores do evento.

Para pequenas e grandes irmandiñas

Desde o Asaltiño, a gran revolución dos nenos e nenas que invade Vimianzo na tarde do sábado, ata unha semana enteira, haberá actividades pensadas para o público familiar. Trátase dunha Semana Medieval, de luns a venres, na que o obxectivo é achegar ás novas xeracións ás revoltas irmandiñas e involucralos na propia festa. Require de inscrición previa.

Ademais, o sábado 6 de xullo, haberá obradoiros infantís e unha intensa programación de mañá para todos os públicos, con xogos de mesa de temática medieval, xadrez, Clash Royale con INCUDE da Universidade da Coruña; e demostracións de armas medievais, armaduras e combate co Club Falcata HEMA.

Troula nas rúas: música e teatro

As rúas de Vimianzo non deixarán de vibrar co Asalto con música e espectáculos teatrais (espazo artístico itinerante). Non podemos esquecer, por suposto, o Des-enterro irmandiño, que culminará co Aquelarre de Ánimas de Palleiro para o Chamamento á Loita e a Foliada popular das meigas, que terán lugar desde as últimas horas de sol.

Un venres centrado no Castelo

Ademais da música da AC Trubisquiña pola rúa ambientando os Pinchos Irmandiños, a actividade centrarase o venres 5 de xullo a partir das 20:30 horas no Castelo, co Enlace Irmandiño. Este dará paso á Cea Medieval, para a que xa están esgotadas as entradas. En cambio, as portas abriranse a partir de medianoite para gozar dunha noite de concertos de entrada libre con Mondra e Monoulios DOP. Antes, animación con Tecla Negra, Cé Orquestra Pantasma e queimada con druída.

O gran día

No día grande, o sábado 6 de xullo, ademais da Feira Artesanal, para a que aínda está aberta a inscrición na web do Asalto, sucederanse ao longo de toda a xornada actividades diversas para todos os públicos.

A acción pasa a ser frenética durante a tarde, cando se celebrará o Asaltiño, a Historia Dramatizada do Castelo, o desfile das Irmandades Parroquiais da Terra de Soneira e o pregón e izado da bandeira irmandiña. Nesta ocasión, sumaranse os irmáns do Festival Irmandiño de Moeche para esta honra na Praza do Concello.

Lilicleta, Mestura Fol, Medio Quinhón e Malandros Escola de Samba ofrecen o circuíto musical, que soará ao mesmo tempo que Flow do Toxo na Praza do Concello ás 20:00 horas.

Este fío musical imparable moverase cara ao campo da festa do Asalto, onde se producirá un dos momentos máis esperados, o concerto de Manu Chao acústico. Continúan as entradas á venda na web do Asalto, a un prezo máis reducido do que custará no propio día fisicamente (se é que quedan entradas). O concerto será a partir das 21:00 horas, aínda que se abrirán as portas antes. É recomendable non acudir nos minutos previos para facilitar o acceso ao recinto dunha maneira máis fluída.

Co bo sabor de boca tralo concerto de Manu Chao, chega o momento álxido da festa: o propio Asalto ao Castelo, cunha representación teatral na que o público se converte en irmandiño e asiste ao terror dos poderosos, para despois vingarse dirixíndose á fortaleza con fachos, ariete, berros e batalla de auga. Unha peza teatral que, inspirada no espírito irmandiño, leva as revoltas aos tempos actuais.

Tomado o Castelo, recollen o testemuño musical o grupo Boikot e o debut en Galicia de Süne, artista vasca ex-integrante de Huntza. A nota final pona Festicultores Troupe, deixando folgos para quen consiga erguerse o domingo e coñecer o Castelo coas visitas guiadas e as teatralizadas dos Quinquilláns, e tomar o vermú de despedida con Medio Quinhón na Praza Castelao.

Cita previa
Sede Electrónica
Pagos en liña
Directorio Empresarial
Escoitámoste
Liña directa co alcalde
Axenda
- 2024 +
- novembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
1
2
3
4
8
9
10
11
12
13
14
15
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 

Perfil de contratante
Boletíns
Museo Virtual SEA- Suelo Empresarial del Atlántico GDR Costa da Morte Grupos de Acción Costeira
COOKIES
Este sitio utiliza cookies para proporcionar os nosos servizos e realizar análisis de uso e de medición de nosa web. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou ben coñecer como cambiar a configuración do seu navegador, pulsando na nosa Política de Cookies | ACEPTAR X