Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
O Concello de Vimianzo presentou na tarde de hoxe, 16 de maio, o seu Roteiro Saudable, realizado en colaboración co Centro de Saúde municipal.
No acto participaron a alcaldesa, Mónica Rodríguez, os concelleiros de Deportes e Benestar Social, Sergio Miñones e María José Pose, o técnico de Deportes, Víctor Santos xunto coas persoas do centro de saúde. Ademais, tamén asistiron persoas participantes nas diferentes actividades deportivas municipais para facer, en primicia, o percorrido.
Trátase dun tramo deseñado e sinalizado co obxectivo de habituar á veciñanza en xeral e, particularmente, á poboación maior, a facer exercicio físico de forma regular como medio para a mellora da saúde e da súa calidade de vida.
O roteiro, de carácter circular, ten unha distancia de 3,6 quilómetros que transcorre fundamentalmente polo paseo fluvial e por rúas que rodean o núcleo urbano de Vimianzo, todas dotadas de beirarrúas e alumeado público para garantir, así, a seguridade das persoas usuarias.
Durante a ruta faise fincapé nos múltiples beneficios de camiñar, como: prevención de enfermidades, benestar física, redución da obesidade ou mellora do estado anímico. Así como as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS) ao respecto: facer entre 150 e 300 minutos á semana, realizar exercicios de forma, dar entre 7.000 e 10.000 pasos diarios e manter unha actividade física intensa.Senda peonil na contorna do Rego de Cambeda
Durante a tarde inaugurouse tamén a senda peonil na contorna do Rego de Cambeda, que vai desde a rúa Vilar ata a avenida de Fisterra.
A actuación, financiada a través do Plan de Obras e Servizos POS+2019 da Deputación da Coruña, contou cun orzamento de 133.335,17 euros.
Durante a presentación, a alcaldesa destacou o “poder transformador da actividade física nas vidas das persoas, polo que é un orgullo presentar unha ruta que nos dá a coñecer os múltiples beneficios que ten e que nos mostra, a través de diversos puntos informativos, o que supón na nosa vida”.
Sinalou que está “deseñada especificamente para fomentar a actividade física dunha maneira segura e accesible para todos e todas, ofrecendo unha oportunidade única para camiñar ou correr ao mesmo tempo que se goza dunha contorna natural dunha beleza única”. Ademais, completou, é “unha mostra máis do noso forte compromiso co benestar da veciñanza, proporcionando, nesta ocasión, unha oportunidade máis de actividade deportiva a todas as ideades”.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Sergio Miñones, insistiu “nos infinitos beneficios da actividade física e de manterse activos en todas as idades” e resaltou que se trata “dunha oportunidade única para fomentar o deporte entre as persoas maiores, xa que é unha ruta completamente accesible”.