Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
O alumnado do IES Terra de Soneira inaugurou na xornada de onte, en exclusiva, o roteiro virtual interactivo ‘Game of Fortes: A ameaza clerical’, a través do cal descubriron diferentes recunchos e segredos do Castelo ao longo da historia.
Trátase dunha iniciativa desenvolta polas compañías teatrais Limiar e NegroLópez, en colaboración co Concello de Vimianzo. O proxecto foi creado ao abeiro do Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia 2023, impulsado pola Deputación da Coruña, co obxectivo de poñer en valor, difundir e socializar o coñecemento sobre as figuras, os lugares e os momentos dunha das etapas consideradas de maior esplendor da historia galega.
Trátase dunha experiencia inmersiva en 8D (son binaural) a través da cal as persoas participantes poderán realizar un percorrido polas diferentes partes do Castelo, introducíndose nos contidos históricos máis relevantes dos séculos XIV e XV. Deste xeito, a través de diferentes códigos QR, faise un repaso polas loitas de poder entre a nobreza e o clero, a vida das clases populares e a divulgación dos mitos e as lendas que envolven este espazo cunha escoita teatralizada de todos estes feitos.
O público xeral poderá gozar desta iniciativa a partir do vindeiro mes de maio, para a cal só será preciso ter un teléfono móbil con conexión a Internet e uns auriculares.