10-04-2024
As crianzas serán as grandes protagonistas na celebración do Día do Libro en Vimianzo
Vimianzo continúa cos preparativos para celebrar o Día do Libro, que se conmemora o vindeiro 23 de abril. Por iso, desde a Concellería de Cultura organízase un obradoiro para que os nenos e nenas de 3 a 12 anos descubran toda a diversión que agochan os libros.
A través de xogos de animación á lectura, un taller de elaboración de marcapáxinas e a busca do tesouro nas instalacións, búscase achegar este hábito e os seus múltiples beneficios ás crianzas.
Terá lugar o 23 de abril na Casa da Cultura, entre as 17:00 e as 19:00 horas, e será necesario facer inscrición previa nas instalacións da biblioteca municipal. O prazo para apuntarse estará aberto desde mañá, xoves 11 de abril, ata o día 22 do mesmo mes.
Este obradoiro súmase a outros eventos programados para conmemorar o Día do Libro como a representación, o domingo 21 de abril ás 18:30 horas no Auditorio, da obra ‘Voa, voa’, do autor Artur Trillo, que presentará o libro infantil do mesmo nome ao remate da dramatización.
A concelleira de Cultura, Rosa Blanco, resaltou a importancia “de fomentar o hábito da lectura, especialmente entre as novas xeracións, para que vexan que os libros tamén son unha alternativa de ocio e diversión”.