Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
O Concello de Vimianzo vén de asinar un convenio co Club Deportivo Baíñas coa finalidade de contribuír ao fomento da educación física e das prácticas deportivas neste ano 2024. A alcaldesa, Mónica Rodríguez, e o presidente da entidade, Juan Silva Jallas, foron os encargados de formalizar a colaboración coa firma deste documento. No acto estiveron acompañados do concelleiro de Deportes, Sergio Miñones, o técnico municipal desta área, Víctor Santos, e a vicepresidenta do club, Raquel González.
Co obxectivo de promover a práctica do fútbol, especialmente entre a poboación adulta do municipio, destinaranse un total de 4.000 euros a este club para cubrir gastos de persoal directamente vinculado coa actividade, aloxamento e manutención en competición, licenzas e cotas de participación, material deportivo específico, seguros e outros gastos xerais.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, quixo destacar o apoio a entidades deportivas “para promover entre a nosa veciñanza a práctica deportiva e fomentar, así, os hábitos saudables”. Ademais, agradeceu o traballo do club, que é “un punto de referencia para o noso municipio e unha canteira de grandes xogadores locais”.
“O C.D. Baíñas é un equipo con moita tradición na nosa localidade, polo que é fundamental estar a carón do seu proxecto para seguir mellorando a súa actividade diaria e facilitar a súa participación na competición cada fin de semana”, engadiu.
Pola súa parte, o presidente mostrou o seu agradecemento “co Concello, por estar disposto sempre a brindarnos a súa axuda e contribuír a que poidamos facer o noso traballo nas mellores condicións”.