Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
O Concello de Vimianzo celebrará o Día do Libro, conmemorado o 23 de abril, coa presentación da obra infantil ‘Voa, voa!’, de Artur Trillo.
A gran xornada será dous días antes, o domingo 21 de abril, a partir das 18:30 horas no Auditorio municipal. Comezará coa representación da obra homónima da man de Talía Teatro, un espectáculo dirixido especialmente ao público infantil e pensado en desfrutar en familia e divulgar e relembrar a arte de xogar coas palabras.
Ao remate, realizarase a presentación do libro coa presenza do autor, Artur Trillo, e os actores María Ordóñez e Toño Casais. Nunha breve conversa, entrarán en profundidade na historia de Xoana, quen todas as tardes baixa xogar ao parque. Alí coincide con Anxo, un neno introvertido ao que non lle gusta estar fóra da casa. A través da relación destas dúas personaxes, preténdese recuperar retrousos, xogos de man e toda unha relación de ditos populares centrados nas pequenas rimas que perduraron de xeración en xeración.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez subliñou “a importancia de fomentar os hábitos de lectura entre a poboación, en especial ás idades temperás, por iso temos a necesidade de crear programacións que acheguen tanto libros como obras de teatro á nosa veciñanza”. E destacou, ademais, a importancia “de pezas coma estas, que achegan aos pequenos e pequenas as nosas tradicións e xogos populares”.