Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
O Concello de Vimianzo vén de iniciar as obras de pavimentación do núcleo de Colúns, na parroquia de Treos, e de mellora no seu acceso. Os traballos inclúen tamén a canalización de pluviais e saneamento do lugar. Co obxectivo de supervisar o estado e avance dos traballos, nestes días achegouse ata alí o concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez.
O edil destacou que se trata dunha mellora moi importante “tanto para o propio núcleo de Colúns como para poder acceder a el, incrementándose, deste xeito, as conexións entre diferentes puntos do noso municipio e favorecendo os desprazamentos da nosa veciñanza”. Asegurou, ademais, que “seguimos traballando polo noso rural e para incrementar servizos, mellorar as condicións de seguridade e de saneamento nestes núcleos”.
A actuación, que conta cun orzamento de 108.700,75 euros, inclúe a pavimentación con 5 centímetros de aglomerado en quente de toda a superficie, que é de 1355 m2. O acceso pavimentarase, do mesmo xeito, 5 cm de aglomerado en quente, previo bacheo con grava e tratamento asfáltico semiprofundo.
Como peche, efectuarase unha cuneta transitable con 20 centímetros de zahorra e 15 centímetros de formigón.
No relativo á canalización de pluviais, estará composta por 300 metros de tubo de PP corrugado de 400 mm de diámetro, 3 pozos de rexistro, 13 arquetas de sumidoiro e 11 arquetas para as baixantes. A de saneamento estará composta por 320 de tubo de PVC de 315 mm de diámetro, 13 pozos de rexistro e 11 arquetas de saneamento.
Por último, contémplase a apertura de gabias e a limpeza de salvagabias para garantir o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal. A actuación completarase coa sinalización horizontal e vertical, coa colocación de dúas sinais de STOP.
Dadas as características das obras, estas teñen un período de realización de seis meses.