Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
O Concello de Vimianzo vén de dar un paso máis na súa aposta pola recuperación patrimonial coa restauración, rehabilitación e reconstrución do cruceiro de Baíñas, situado na Vía Mariana. A peza recibira hai un tempo o impacto dun tractor, o que provocou que presentase grandes danos e quedase dividido en diferentes pezas.
Tal e como explica a persoa encargada dos traballos, Benito Vilas Estévez, foron meses de intenso traballo nos que, nun primeiro momento, se procedeu á limpeza dos diferentes bloques nos que quedara dividido o traballo “usáronse criterios técnicos de restauración ECO, que son os establecidos para garantir a salvagarda dos elementos patrimoniais e culturais”.
Unha vez rematada a limpeza, procedeuse á unión de todos os anacos para a reconstrución do cruceiro “houbo que unir as diferentes pezas mediante espigos ocultos e codado abaixo”. Ademais, tamén se recuperou a figura do Cristo, que estaba previamente modificada cun brazo de cemento “descoñécese de cando era esa alteración do cruceiro, pero agora fíxose un novo de pedra tratada para darlle aspecto de pedra vella e que encaixara coa estética completa desta xoia arquitectónica”.
Unha vez alí procedeuse a baleirar o entorno e colocar a peza orixinal sobre a cimentación xa existente. “Agora está completamente preparado para volver gozar del e admirar de cheo este elemento tan tradicional na nosa terra”, asegurou Estévez.
Pola súa parte, a alcaldesa de Vimianzo, asegurou que “é un pracer presentar o traballo destes meses e ver como o resultado é impecable” e destacou que “seguiremos traballando por manter activo o noso plan de recuperación de cruceiros, xa que son un elemento que forma parte da nosa identidade e que teñen un gran valor para a nosa veciñanza”.