Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
Unha sala de Antón Mouzo ateigada de xente acolleu esta mañá a presentación do podcast ‘8 miradas’, a actividade central da campaña municipal do 8M, Día Internacional da Muller.
Nunha emotiva gala presentada e conducida polo psicólogo municipal, Sergio Trillo, o público asistente puido ver, en primicia, un vídeo resumo das oito entrevistas que dan forma a esta iniciativa, que ten por obxectivo dar a coñecer a historia de distintas mulleres do municipio.
Mulleres diferentes, únicas, con perfís e experiencias moi distintas e peculiares que están conectadas por un nexo: traballar incansablemente para facer realidade os seus soños. Elas, que tamén tiveron un papel protagonista neste evento, son: Bintou Coly, Carmen Limideiro, Natalia Lema, Carmen Lorenzo, Teresa Ferreira, Manuela Conde, Sabine Pfeiffer e Mónica Rodríguez.
En cada unha das pezas recóllese parte da súa historia e do seu papel na sociedade, do seu traballo e esforzo por conseguir todo o que se propuxeran como meta. Os vídeos serán presentados de maneira semanal nas redes sociais municipais.
O formato podcast foi escollido coa meta de romper as barreiras comunicativas entre xeracións e presentarlle ás máis novas, nas plataformas que usan de maneira cotiá, a historia de oito mulleres que son, tal e como as definiu a concelleira de Benestar Social, María José Pose, “un exemplo de superación, esforzo e dedicación”.
A edil quixo agradecerlles a todas a súa participación “fostes quen de mostrarnos de maneira natural a vosa historia, os pasos que vos levaron a conseguir grandes logros e estar hoxe aquí, amosándonos un pouco máis do voso traballo. Moitas grazas por dedicarnos o voso tempo e compartir connosco a vosa experiencia. Sodes exemplo de superación, valentía, traballo e esforzo e, por suposto, sodes exemplo para todos os vimianceses e vimiancesas”.
Pola súa parte, a alcaldesa e protagonista do último episodio, Mónica Rodríguez, salientou que “é un orgullo poder estar hoxe aquí e ver como, unha vez máis, Vimianzo está unido pola igualdade. Grazas a todos e todas por vir e acompañarnos neste día tan especial. Ver a sala de Antón Mouzo así de chea é todo un orgullo. Moitas grazas a todos e todas por sumarvos a esta data e conmemorar o 8M como merecemos”.
Lectura da declaración institucional
Para rematar o acto, Pose procedeu á lectura da declaración institucional, na que defendeu que o 8M é unha oportunidade máis para demostrar o compromiso “coa igualdade en todos os espazos da vida”. Tamén, por suposto, naqueles máis masculinizados, polo que, como fixo referencia a edil “desde a administración local, podemos e debemos poñer en marcha medidas que axuden a corrixir este tipo de discriminacións”.
Para rematar, a concelleira fixo referencia “ao compromiso desta administración para seguir traballando en avanzar en igualdade” e resaltou que é fundamental “promover a participación equitativa das mulleres en todos os ámbitos, con accións de sensibilización, capacitación e visibilización” que recorden, todos os días do ano, que hai que seguir traballando para alcanzar a igualdade.