Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
O Concello de Vimianzo presentou esta mañá unha completa programación para os sábados deste primeiro semestre de 2024. O Auditorio vimiancés acollerá entre os meses de febreiro e xuño un total de 14 actuacións das diferentes artes escénicas, con sesións de teatro, música e danza de recoñecidas compañías.
A programación, que está cofinanciada pola Deputación da Coruña e a Rede Galega de Teatros e Auditorios AGADIC da Xunta de Galicia, dará comezo o último sábado de febreiro, día 24, coa VI Foliada do Río Grande, organizada polos grupos Airiños do Río Grande de Pasarela e Foliada de Salto. É unha das excepcións no calendario, xa que dará comezo ás 19:30 horas.
As sesións continuarán o día 2 de marzo da man de Manuel Manquiña e Sabela Hermida co seu espectáculo ‘Todo unha noite’. Unha hora de risa, emoción e reflexión sobre a sociedade e as súas contradicións.
O 9 de marzo será a quenda de Ángeles Goás, con ‘Herdanza’, unha sesión de contos creada con anacos da vida de mulleres loitadoras que deixan tras de si un legado para todas aquelas que queiran seguir os seus pasos.
Excéntricas chega a Vimianzo o día 16 co seu espectáculo ‘O auto do Castromil’, protagonizada por un gran elenco composto por actores da talla de Rocío González, Víctor Mosqueira, Marcos Orsi e Patricia Vázquez. Unha viaxe onírica nun autobús no que as maletas cobran vida mentres os viaxeiros dormen para narrar unha curiosa historia de Galicia.
Péchase marzo o sábado 23 coa compañía Con de tres pés e a obra ‘Sibaris’, unha comedia escrita por Domingo Villar na que se narra a historia do escritor Víctor Morel.
O mes de abril comeza coa obra ‘Made in Galiza’, de Sarabela Teatro, na que se combina con mestría algúns momentos cotiás con profundas reflexións sobre a lingua galega cuns avós que non entenden a lingua da súa familia como fío condutor.
A música será a protagonista o sábado, 13 de abril, cun concerto tributo a Joaquín Sabina a cargo de Conductores Suicidas.
A programación de abril remata o sábado 20 coa produción ‘Vía Morta’, de Culturactiva. Unha experiencia teatral que trae ata o escenario a realidade dos refuxiados e refuxiadas, convertendo ao público nun máis.
Maio comeza con ‘DeseXo’, de Talía Teatro, na que se recompila unha gran investigación sobre o uso da pornografía na adolescencia.
Os sábados 11 e 18 de maio serán musicais, cos concertos da Escola Municipal de Música Contemporánea e a Escola Municipal de Música Tradicional, respectivamente.
A compañía Elefante Elegante representará o 25 de maio o seu espectáculo ‘Alma de Tigre’, enmarcado nas actividades que desenvolve a Área de Cultura da Deputación da Coruña con motivo da celebración do Día das Letras Galegas 2024.
O peche da programación correrá a cargo da Escola Municipal de Teatro coas mostras de fin de curso o sábado e domingo, 1 e 2 de xuño. Estas representacións terán lugar ás 18:30 horas.
Compra de entradas
As entradas poderán adquirirse de maneira anticipada a través da plataforma online Woutick ou no despacho de billetes da Casa da Cultura, de luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas. Tamén se habilitará a venda o propio día de cada actuación, desde unha hora antes do comezo das mesmas.
Non se permitirá a entrada na sala unha vez iniciado o espectáculo.
Os prezos de cada un dos espectáculos, que oscilan entre os 5 e os 10 euros, poden consultarse no cartel da programación. O prezo reducido está pensado para maiores de 65 anos e estudantado que acrediten esta condición mediante DNI e/ou carné de estudante.
A ‘Foliada do río Grande’ e os festivais das escolas municipais de música e teatro serán completamente de balde.
A concelleira de Cultura, Rosa Blanco, asegurou que é un orgullo poder presentar “unha programación ampla, na que cada fin de semana os nosos veciños e veciñas poderán gozar da cultura”. Unha oferta variada e de calidade “para todos os gustos e públicos”, que consolida a Vimianzo como un dos municipios que máis aposta por este eido na contorna.