08-02-2024
Concello e Suelo Empresarial del Atlántico estudan novas fórmulas para facer medrar o parque empresarial
O Concello de Vimianzo e Suelo Empresarial del Atlántico, SEA, estudan novas fórmulas para facer medrar o parque empresarial da localidade soneirá e facilitar o asentamento de novas empresas.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, mantivo unha reunión coa xerente da entidade, Beatriz Sestayo, esta mañá na Casa do Concello, á que tamén acudiron as concelleiras e concelleiro Beatriz Pazos, María José Pose e Miguel Ángel Pérez, así como varios empresarios interesados en asentarse neste espazo.
Formuláronse varias propostas, que se apoiarán no plan xa existente e que contempla o dereito a superficie, isto é, alugueiro con opción a compra. Consideraríanse dentro do novo plan de comercialización que se porá en marcha neste 2024.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, quixo agradecer a Beatriz Sestayo, e a Suelo Empresarial del Atlántico, a “súa implicación nos últimos anos co parque empresarial de Vimianzo, que vén de medrar considerablemente ata destinarse os 169.000 metros cadrados actuais a parcelas de diferentes usos para a actividade empresarial”, incidindo en que “boa proba disto é o interese de novas empresas a instalarse en Vimianzo, algo que constata o noso valor como territorio de ámbito económico”.
Pola súa banda, Beatriz Sestayo, xerente de SEA, valorou moi positivamente esta reunión, e agradeceu á alcaldesa “a súa contribución no desenvolvemento deste parque empresarial, facilitándonos en todo caso o achegamento das demandas do empresariado e favorecendo reunións co tecido empresarial”.