08-02-2024
Vimianzo aproba en Pleno a partida de 680.941,31 euros a obras do Plan Único da Deputación
O Concello de Vimianzo aprobou esta mañá en sesión ordinaria unha adicación de 680.941,31 euros a obras do Plan Único 2024 da Deputación da Coruña. Inclúese nesta relación a mellora do viario Treos-Carnio; a pavimentación interior no lugar da Esquipa; o arranxo do pavimento interior no lugar de Xora, en Treos; a pavimentación interior no lugar de Santa Cristiña e a mellora dun viario na Costa, Torelo, na parroquia de Salto.
Tamén se incluirá a pavimentación de varios viais en Sansobre dentro do Plan Complementario do ente provincial. Aprobouse tamén por unanimidade incluír unha achega de 107.791,94 euros para gastos sociais extraordinarios do exercicio 2024.
Noutro dos puntos da orde do día, saíu adiante por unanimidade a liquidación definitiva correspondente ao exercicio 2023 do contrato de xestión de servizos municipais de vivenda comunitaria, centro de día, escola infantil e comedor e lavandería sobre rodas.
Supón un incremento de 110.619,81 euros, que para “o Concello de Vimianzo implica un gasto importante, sobre todo nun ámbito non que non temos competencias”, e instou “á Xunta de Galicia a ter un pouco de implicación nun ámbito no que ten o 100% do contexto de actuación”.
Noutro dos puntos da orde do día, saíu adiante por unanimidade o ditame sobre aprobación do expediente de recoñecemento extraxudicial de créditos do ano 2024.
Na quenda de rogos e preguntas, tanto os voceiros do grupo popular como nacionalista instaron ao goberno municipal de realizar varias melloras, no que respecta á obra da Braña da Grixa, do Tanatorio, apoio á sinalización da Vía Mariana, ámbito no que o Concello se amosa disposto a actuar neste ámbito; limpeza de cunetas, ou a reparación da obra da Piosa, danada polos madeiristas.