Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
A Casa da Cultura do Concello de Vimianzo será, entre abril e outubro deste ano, parte do proxecto Residencias Paraíso, un programa organizado polo colectivo RPM, que busca dotar dun espazo a artistas de toda a península Ibérica para que poidan pasar entre 2 e 3 semanas dedicándose de cheo á súa creación.
O Concello de Vimianzo, coprodutor desta 8ª edición, porá a disposición a Casa da Cultura para todos aqueles artistas que participen desta iniciativa e se interesen polo municipio.
Estas residencias artísticas desenvolveranse entre abril e outubro deste ano en oito localizacións distintas, entre as que está a Casa da Cultura vimiancesa. Teñen como obxectivo fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, ao mesmo tempo que pretenden normalizar o concepto de residencia artística, fundamental para o presente e o futuro das políticas culturais en Galicia.
Os artistas desenvolverán nestes períodos distintas fases do seu proxecto, como por exemplo investigación, escritura, traballo dramatúrxico ou creación coreográfica. Como remate, a Illa de San Simón acollerá os días 20, 21 e 22 de setembro o encontro anual o Colectivo RPM.
A concelleira de Cultura de Vimianzo, Rosa Blanco, afirma que esta nova é “moi positiva para o noso municipio, xa que atraerá artistas de toda a península ao noso concello, situándonos como un dos referentes a nivel cultural de toda Galicia”.