Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, xunto co concelleiro de Obras, Urbanismo, Servizo de Iluminación e Parque Móbil, Miguel Ángel Pérez, visitaron esta semana as obras de renovación integral do treito urbano da AC-552 entre as rúas A Pontenova e Codeseiras.
Estes traballos, que arrancaron o día 15 de xaneiro, teñen como obxectivo principal lograr a reordenación do tráfico na zona, así como incrementar a calidade dos servizos dos que dispón a veciñanza.
Deste xeito, o proxecto recolle melloras nas redes de saneamento e auga potable, a accesibilidade e a renovación do firme da calzada, así como a execución de novas luminarias (de tecnoloxía LED, de maior eficiencia enerxética e de menor impacto ambiental).
Tamén se implementarán novas zonas de aparcadoiro e unha nova rotonda, que implicará a colocación de novos elementos de sinalización, tanto verticais coma horizontais, que aumentarán a seguridade viaria neste treito. O orzamento co que conta a obra son 233.776,92 euros.
O concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez, subliñou a relevancia destes traballos de optimización, que “responden a unha demanda da veciñanza da zona”. Por último, remarcou que “mellorar as condición dos espazos públicos municipais é un dos sinais de identidade deste goberno local, e continuaremos ofrecendo esta liña de traballo como unha prioridade”.