24-01-2024
Vimianzo exhibe o seu potencial patrimonial e gastronómico en FITUR 2024
O Concello de Vimianzo está presente un ano máis na Feira Internacional do Turismo que se está a celebrar esta semana en Madrid: FITUR. “Vive Vimianzo entre sabores e tradición” é o lema da campaña turística que este ano o Concello expuxo no posto de TURESPAÑA este mércores no pavillón 9, de 15:00 a 16:00 horas da tarde.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, presentou unha peza audiovisual inédita sobre as principais potencialidades da capital da Terra de Soneira e, posteriormente, tivo lugar unha degustación dos principais petiscos da gastronomía local. Estivo acompañada das concelleiras de Benestar Social e Turismo, María José Pose e Beatriz Pazos.
Na proxección pódense ver imaxes da Faguía de Carnés e o Asalto ao Castelo de Vimianzo, as dúas Festas de Interese Turístico Galego de Vimianzo, a Merenda de Castrobuxán, os Penedos de Pasarela e Traba, o Monte Faro, os Batáns e Muíños do Mosquetín, o Castro das Barreiras, o Dolmen Pedra da Arca, ou o Muíño de Mareas de Cereixo.
“O Castelo de Vimianzo é o noso emblema, a nosa insignia, pero non a nosa única “fortaleza”, xa que o Castro das Barreiras, os Penedos de Pasarela e Traba, a ruta dos Dolmens, os nosos cruceiros ou os nosos hórreos son algúns dos nosos puntos de especial relevancia”, destacou Rodríguez no seu discurso.
“Pero cando falamos de patrimonio tendemos a pensar en cousas materiais, tanxibles, e temos outro moitísimo máis importante: a nosa xente. Todas esas persoas que fan posible que, ano tras ano, Vimianzo medre en relevancia turística e contribúan a preservar a nosa cultura e tradicións”, destacou a alcaldesa de Vimianzo.
Rodríguez finalizou querendo lembrarse de que “todo o que somos non sería posible sen o esforzo diario de tanta xente, de tantas persoas que non o fan por interese propio: que o fan por amor e devoción pola súa terra e por manter vivo o lume das nosas costumes”, enfatizando que isto se trata “do alento para as novas xeracións, para que coñezan e manteñan vivo ao corazón da Terra de Soneira. Para que Vimianzo siga medrando”.
Agradecementos especiais a Brétema e Casa da Canle.