Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
Este venres, 15 de decembro, o Concello de Vimianzo inaugurará de xeito oficial a súa pista de xeo natural, que este ano estará localizada no lateral do Concello ata o 7 de xaneiro de 2024.
As persoas interesadas poden realizar xa a súa reserva para gozar desta instalación a través da aplicación Saudater ou da ligazón.
A entrada básica, que ten un custo de cinco euros, inclúe os patíns e ten unha duración de 45 minutos, deixándose outros 15 para o cambio de calzado. Como complemento, poderase alugar o casco e material de apoio para facilitar a patinaxe. Será obrigatorio o uso de luvas.
Entre o 22 de decembro e o 7 de xaneiro, estará operativa en horario de mañá, de 11:00 a 14:00 horas, sendo a última quenda de 13:00 a 14:00 horas, e de tarde, de 16:00 a 23:00 horas, sendo a última quenda de 22:00 a 23:00.
Dentro destes horarios, establécense as seguintes excepcións:
O día 15 de decembro a inauguración comezará ás 17:00 horas. A partir de entón, estará aberta ata a hora habitual de peche.
Os días 18, 19, 20, 21 e 22 de decembro só se poderá facer a reserva de tarde, de 16:00 a 23:00 (última reserva ás 22:00 horas), porque de mañá a instalación está reservada para outros colectivos.
Os días 24 e 31 de decembro a pista de xeo pechará ás 20:00 horas, sendo a última entrada ás 19:00.
Os días 25 de decembro e 1 de xaneiro o horario será só de tarde, a partir das 16:00 horas.
Trátase da única instalación de xeo natural da contorna e dun dos grandes atractivos cos que conta o Nadal en Vimianzo. Como sinalan desde o goberno local “trátase dunha actividade que tivo moito éxito nas dúas edicións anteriores, agardamos que este tamén sexa así e todos os nosos veciños e veciñas desfruten da nosa pista en familia”.