Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
A Casa da Cultura de Vimianzo acollerá o xoves 14 de decembro, ás 20:00 horas, a presentación do libro ‘A loita dos perdedores’, de Luís Lamela, no que recupera a memoria da Guerra Civil española e da posguerra.
Na peza recompila algúns dos acontecementos históricos que marcaron a loita guerrilleira antifranquista en Galicia, contribuíndo á creación dunha imaxe máis humana deste suceso. O obxectivo da obra é reflectir algúns datos histórico-biográficos das personaxes que marcaron este momento da historia, que se prolongou desde 1936 a 1965.
A través de distintas biografías presenta a diferentes protagonistas, que dá a coñecer grazas á información real atopada en documentos e arquivos. As verbas que compoñen a peza afástanse da especulación, reflectindo en cada palabra a dureza de episodios criminais que tiveron lugar neses tempos e que ás veces quedan esquecidos.
O autor, Luís Lamela, recibiu numerosos premios. No 2006 foi galardoado co Faro Nerio pola actividade de recuperación da Memoria Histórica. No ano 2011 recibiu o Premio de honra Radio Nordés-Cadena SER, pola súa achega á Memoria Histórica Galega. Tamén foi recoñecido co premio de Investigación e divulgación histórica da Fundación Luís Tilve.
No acto estará acompañado por Roque Cernadas, da Asociación de Memoria Histórica Perfeuto López e Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo.