02-12-2023
Vimianzo estrea o alumeado de Nadal e presenta a programación cultural para as Festas
O Concello de Vimianzo deulle a benvida esta tarde ao Nadal 2023 co acendido das luces na praza do Concello. Elementos de todos os tipos con motivos das Festas, o Recuncho Gastronómico e a pista de xeo, que comezará a funcionar o día 15 de decembro, serán os principais puntos de interese no centro neurálxico do municipio.
Así, presentacións de libros, videoconferencias con Papá Noel, os ‘Cantos de Nadal’ con Alana, as visitas de Papá Noel aos centros escolares e de maiores, concertos, animación de rúa, o campamento de Nadal, teatro, gastronomía, o Desfile de Reis ou o XV Duatlón Cros de Reis colmarán as expectativas de pequenos e maiores.
Pasadas as 20:00 horas da tarde a alcaldesa, Mónica Rodríguez, pulsaba o botón acompañada do seu equipo de goberno para prender a maxia a carón da Casa do Concello. Foi retransmitido en vivo pola canle oficial de Facebook municipal e presenciaron o acto arredor de 200 persoas, que puideron desfrutar de ‘A luz do camiño’ e de chocolate con churros.
Rodríguez convidou “a toda a veciñanza, pequenos e maiores, pero tamén a todas as persoas de fóra de Vimianzo, a acompañarnos de aquí ao 7 de xaneiro, nun espazo que de seguro brindará momentos moi especiais”, e quixo asegurar que “traballamos para facer destas Festas uns tempos familiares, con actividades pensadas para todo tipo de públicos”.
Campañas de compras locais
O Concello de Vimianzo presentou as dúas campañas que estarán activas durante o Nadal para a promoción do comercio.
Un ano máis, estará activa a campaña Mercalume, que estará activa do 3 de decembro ata o 6 de xaneiro. As persoas participantes deberán xuntar 5 cuños nos establecementos participantes para entrar no gran sorteo de 3.600 euros.
Os premios repartiranse en catro de 500€, dous de 250€, dez de 100€ e dous de 50€.
O sorteo terá lugar o 7 de xaneiro no Recuncho Gastronómico e o troco de vales poderase facer efectivo entre o 8 e o 31 de xaneiro.
A outra campaña que estará activa será 'Mercabolas'. As persoas que compren nos comercios adheridos recibirán un Ticket-Bola que deberán trocar por un bono no Bombo de Nadal, que estará situado na praza do Concello desde o 15 de decembro ao 7 de xaneiro, de 18.00 a 20.00 horas. Os xoves de feira estará dispoñible tamén de 12.00 a 13.30 horas.
Os premios inclúen tanto bonos descontos, como por exemplo a rebaixa do IVE na compra ou o 20% na seguinte, como regalos directos: TV, aspirador, fritidora de aire...
O goberno local, xunto coa asociación de hostaleiros, pon en marcha estas dúas campañas co obxectivo de dinamizar as compras no comercio local nun dos momentos de maior actividade do ano.
Presentou as campañas Rocío Santos.
ADXUNTAMOS A PROGRAMACIÓN:
14 DE DECEMBRO | 20:00 horas no Auditorio municipal, presentación do libro ‘A loita dos perdedores’, de Luis Lamela.
15 DE DECEMBRO | 17:00 horas no lateral da praza do Concello, inauguración da pista de xeo natural.
15 E 20 DE DECEMBRO | Na aula CeMIT, videoconferencia con Papá Noel co alumnado do CEIP San Vicenzo e CEIP Baíñas.
DO 15 AO 23 DE DECEMBRO | ‘Cantos de Nadal’ nos centros culturais das parroquias con Alana.
17 DE DECEMBRO | 17:00 horas no Auditorio, a Gala Solidaria.
21 DE DECEMBRO | Visita de Papá Noel no CEIP San Vicenzo e CEIP Baíñas
22 DE DECEMBRO | Visita de Papá Noel á EIM Os Vimianziños VC e ó Xeriátrico; acendido do Cepo de Nadal na Lareira do Castelo ás 17:00 horas.
‘Un Nadal máxico’, cos Bolechas, no Auditorio municipal ás 18:00 horas.
Inauguración da exposición de Postais de Nadal e entrega de premios na Sala de Exposicións ‘Antón Mouzo’ ás 19:30 horas.
Concerto de Alana no Recuncho Gastronómico ás 21:00 horas.
23 DE DECEMBRO | Concerto de Broken Peach na praza do Concello ás 21:00 horas. Animación de rúa con Papá Noel pola tarde.
24 DE DECEMBRO | Animación de Papá Noel de 15:30 a 18:30 horas na praza do Concello.
26 DE DECEMBRO -4 XANEIRO | Casa da Cultura: ‘Vimianzo Concilia no Nadal’, para nenas e nenos de 3 a 8 anos. Inscrición de balde na Casa da Cultura do 4 ao 18 de decembro.
29 DE DECEMBRO | T-REX Musical-Tributo a Parque Jurásico ás 18:00 horas. Entradas en woutick.es. Auditorio municipal.
Concerto de Nadal coa Coral Municipal no Recuncho Gastronómico ás 20:00 horas.
‘Dúo Festa’ no Recuncho Gastronómico ás 21:00 horas.
30 DE DECEMBRO | 13:00 horas na praza do Concello. Festa infantil de Fin de Ano con Teatro Calavera. Badaladas de Fin de Ano unha hora despois, ás 14:00 horas.
5 DE XANEIRO | Desfile de Reis por todas as parroquias. De 10:00 a 19:00 horas. A recepción real será ás 20:00 horas na praza do Concello.
14 DE XANEIRO | A partir das 9:30 horas en Castromil, XV Dúatlon Cros de Reis Concello de Vimianzo.